Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Oposta á reforma constitucional

A dereita instiga un golpe de Estado en Honduras

O presidente Manuel Zelaya cesa o xefe do Estado Maior e acepta a renuncia do ministro de Defensa logo de desobedeceren ordes.

Redacción - 11:30 26/06/2009

O presidente de Honduras, Manuel Zelaya, destituíu ao xefe do Estado Maior e aceptou a dimisión do seu ministro de Defensa, logo de non acatar unha orde relacionada cunha consulta popular, aínda que permanecían os rumores de risco de golpe de estado. Tamén dimitiron os xefes dos Exércitos de Terra, Mar e Aire.

Os militares desobedeceron a orde de distribuír material loxístico para a realización o domingo dunha consulta sobre se na eleccións do 29 de novembro debería haber unha cuarta urna -ademais, das destinadas a elixir presidente, deputados e alcaldes-, de cara á instalación dunha asemblea constituínte que aprobe unha nova Constitución.

A destitución do xeneral Romeo Vásquez e a dimisión de Edmundo Orellana producíronse como consecuencia "a unha crise ocasionada por algúns sectores que promoveron a desestabilización e o caos co fin de causar serios problemas á institucionalidade democrática de Honduras", explicou Zelaya, un dirixente que dende 2006 rompeu cos sectores de poder económico e político.

Pouco despois a Corte Suprema restituía no seu posto o Vásquez. Ao coñecer a decisión, Zelaya enviou unha mensaxe de alerta aos presidentes do mundo cualificándoa de "rebelión en contra do poder pobo", e o tribunal de "Corte Suprema de Inxustizas", que fai "xustiza só para os poderosos, os banqueiros e os ricos".

O presidente de Honduras levou a cabo dende a súa chegada ao poder políticas sociais que chocaban cos intereses da oligarquía hondureña, o que lle valeu moitos inimigos. En 2009, ano electoral, tamén os medios de comunicación intensificaron os seus ataques ao Goberno.

Reaccións

Ao respecto, a ministra de Asuntos Exteriores, Patricia Rodas, explicou que a destitución do alto mando militar é en resposta a unha acción de desobediencia máis e non a un golpe de estado. Porén, o despregamento de centos de militares nos arredores do palacio presidencial e do aeroporto alimentaron os rumores nese sentido.

Representantes sociais manteñen unha vixilia no Palacio de Goberno en apoio á decisión de Zelaya, que consideran unha resposta ás presións da oligarquía para crear unha "crise política". Por outra banda, os países que integran a ALBA denunciaron esta quinta feira na ONU o intento de golpe de Estado.


Ligazóns

3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: