No Estado Español chegan a oito os posíbeis afectados. No noso país, "de momento non hai constancia de ningún caso sospeitoso de contaxio".
O secretario de Saúde de México, José Ángel Córdova, fixo público, na madrugada do domingo para a segunda feira, o último balance oficial de persoas falecidas, probabelmente, polo virus da gripe porcina, que aumenta a cifra a 103.
Porén, o número de persoas que se sabe con certeza que faleceron polo virus H1N1 é de 22.
Nunha entrevista televisada pola cadea Televisa, Córdova sinalou que hai, ademais, 1.614 persoas que poderían terse contaxiado, das que 400 están ingresadas en hospitais.
Ademais, o ministro aseverou que máis do 60% dos afectados fóronse recuperando paulatinamente, segundo informa o xornal mexicano El Universal, na súa edición dixital.
Nos EUA declaran unha "emerxencia sanitaria"
En resposta ao que algúns responsábeis sanitarios temen poida chegar a ser a vangarda dunha pandemia mundial, os funcionarios de saúde dos EUA declararon o estado de emerxencia na saúde pública. O domingo confirmáronse 20 casos de gripe porcina nos Estado Unidos.