Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
JUAN JOSÉ ROCHA, REXEDOR DE ABEGONDO

“En 2007, Santiso foi a Madrid pedir a recomendación de Fraga para volver ser alcalde”

O 20 de abril unha moción asinada polos seis concelleiros do PPdeG e o único edil do PSdeG devolveralle o bastón de mando de Abegondo ao ex conselleiro Santiso Miramontes. Falamos co aínda rexedor.

R.Vilar - 09:00 09/04/2009
Juan José Rocha

Juan José Rocha

A Juan José Rocha quédalle pouco máis dunha semana como alcalde de Abegondo. En setembro de 2004, o PP designábao como recambio dun Santiso Miramontes que marchaba para a capital do país a ocuparse da Consellaría de Agricultura. Catro anos e medio despois, o mesmo home que o antecedeu no cargo capitanea unha moción de censura para guindarlle a Alcaldía.

As fortes discrepancias entre Rocha e Santiso foron ben evidentes en 2007. O ex conselleiro conseguiu o apoio do aparato do PP para encabezar a lista e Rocha tivo que buscar refuxio baixo as siglas de Agrupación Progresista de Abegondo. As urnas déronlle seis concelleiros ao PP de Santiso, catro á formación de Rocha, dous ao BNG e un ao PSdeG. As tres últimas formacións conformaron un goberno que rexeu o municipio nestes dous anos.

Vieiros: Vostede tiña unha estreita relación con Santiso, cando comeza afrouxar?

Rocha: Eu entro en política indo nunha lista independente con Santiso no ano 91. Daquela só saíu el de concelleiro e, co apoio doutros grupos, desbancou da Alcaldía a Miguel Patiño. Catro anos despois, Santiso entra no PP e eu non me involucro máis na política local até o ano 99, que entro de número catro. Entre 1999 e 2003 son concelleiro do PP sen dedicación exclusiva. En 2004 este home fúgase para a Xunta e eu, como novo alcalde, teño que explicar todo o lío urbanístico no que nos meteu (anulación xudicial das normas urbaínsticas)

Pero é cando marcha para San Caetano cando comezan os problemas, non si?
Marchou para a Xunta e, dende o principio, dedicouse a desprestixiar política e persoalmente aos que quedabamos á fronte do Concello. Publicamente dicía que eramos uns fenómenos pero, por detrás, xa argallaba contra nós. Ao perder o poder na Xunta [só estivo nove meses de conselleiro] xa demostrou claramente que quería volver ser alcalde. E que conste que os cidadáns de Abegondo non lle deben un euro á época que Santiso foi conselleiro de Agricultura.

Cando vostede levaba dous anos e medio como rexedor, chegan os comicios de 2007 e o PP quítao a vostede para poñer o ex conselleiro de candidato...
El por detrás xa tiña creado o seu propio grupo, aínda que dicía que non quería ser candidato. Manobrou todo o que puido coa dirección provincial e con Santiago. En principio o partido tiña a consigna de que os cabezas de lista serían os alcaldes que xa estaban, pero aquí non se cumpriu. Cónstame que Santiso foi a Madrid falar con Manuel Fraga, que daquela xa estaba no Senado, para que intercedese por el. E, finalmente, veu coa recomendación.

Que move ao único concelleiro do PSdeG a rachar a disciplina do seu partido e apoiar a moción de censura?

Eu creo que o problema del é que non lle interesan os veciños de Abegondo. Non vive a política local. Creo que se equivoca totalmente e os cidadáns saben ben por que o fai.

Vostede pensa que hai tempo que lle puxeron prezo á súa cabeza política...

Esto xa se ven artellando dende hai ben meses. Internamente no PP tiveron os seus tiras e afrouxas até que convenceron aos que tiñan dúbidas. Eu agardo agora que se consume este acto politicamente escandaloso. Quero ver como gobernan. Eu coñézoos, a un máis que a outro e sei que vai ser patético.

Mais o certo é que Santiso Miramontes liderou hai dous anos a candidatura máis votada...
As mocións de censura están contempladas por lei e se ten a maioría do pleno eu non teño nada que obxectar. Eu digo que Santiso non está capacitado moralmente para ser alcalde de Abegondo.

Ademais de motivacións políticas pode haber outros actores detrás dun movemento como este?

Pode haber intereses urbanísticos e, sobre todo, unha ambición desmedida de Santiso. Curiosamente a moción coincide a pouco tempo de que o goberno local teña que adxudicar perto de dous millóns de euros en distintas obras. Agora terá que facelo o executivo entrante.

Vai volver pelexar pola Alcaldía en 2011?

Non sei o que vou facer. O tempo irá dando o mellor consello. Agora, dende logo, vou seguir traballando polos veciños de Abegondo.


4/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: