Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
contra o alcalde socialista, e apoiando o PPdeG

O PSdeG declara "tránsfuga" o concelleiro de Abegondo que asinou a moción de censura

O edil, Manuel Eladio Fernández, asegura que non recibiu comunicación do partido sobre esta cuestión e xustifica a sinatura na "ingobernabilidade" do municipio.

Redacción / EP - 08:00 08/04/2009
Miramontes, cando se presentou a gobernar o municipio, nas eleccións de 2007

Miramontes, cando se presentou a gobernar o municipio, nas eleccións de 2007

A Comisión Xestora do PSdeG comunicaralle á Comisión Executiva Federal que o concelleiro socialista que asinou a moción de censura na localidade coruñesa de Abegondo contra o alcalde, xunto co grupo municipal popular, debe ser declarado "tránsfuga".

Segundo informou o PSdeG nun comunicado, esta decisión parte de que o único edil socialista no municipio, Manuel Eladio Fernández, "non consultou os feitos" coa dirección do partido", e estes tampouco están "avalados por ningún órgano competente".

O grupo socialista no concello podería disolverse
Porén, dirixentes socialistas consultados aseguraron que a executiva do seu partido en Abegondo "apoia" o concelleiro, de tal xeito que o PSdeG deberá disolver a dirección socialista neste concello, e deseñar unha comisión xestora que se faga cargo da agrupación local. De feito, Manuel Eladio Fernández aseverou que "foi autorizado" a asinar a moción de censura, que lle devolverá a alcaldía ao PPdeG, pola executiva local, e que a dirección nacional do PSdeG aínda non se puxo en contacto con el para declaralo "tránsfuga".

"Non teño comunicación do partido, pero paréceme raro, porque foi unha decisión conxunta das executivas locais de PSdeG e PPdeG", esgrimiu Fernández, ao tempo que xustificaba esta decisión en que Abegondo estaba nunha situación "ingobernábel". En todo caso, Manuel Eladio Fernández indicou que, "dez días antes" de que se asinase a moción, mantivo unha reunión coa responsábel de Organización da Comisión Xestora do PSdeG, Mar Barcón, quen posteriormente, segundo o seu relato, se reuniu tamén coa executiva local para coñecer a postura da agrupación.

A moción de censura de Abegondo
Os seis concelleiros do PPdeG de Abegondo asinaron esta segunda feira unha moción de censura contra o alcalde, Juan José Rocha -que pertence á Agrupación Progresista de Abegondo-, para o que contaron tamén coa sinatura do único edil socialista e membro da Corporación local, Manuel Eladio Fernández. Rocha abandonara o Partido Popular para presentarse á Alcaldía, despois de que o ex conselleiro do Goberno de Fraga, Santiso Miramontes fose elixido para liderar as listas populares nos comicios. Nas eleccións municipais de 2007, o PP obtivo seis concelleiros; a Agrupación Progresista de Abegondo, catro; o BNG, dous; e o PSdeG, un edil. O goberno local conformouse como un tripartito de todos os grupos agás o PPdeG.

A moción de censura debaterase o vindeiro día 20 de abril nun pleno municipal que comezará ao mediodía. O candidato á Alcaldía proposto é o popular José Antonio Santiso, que foi tamén primeiro edil entre 1995 e 2004, cando abandonou este cargo para ser nomeado conselleiro.


1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: