A sinatura do único concelleiro socialista fai viábel unha moción de censura que lle devolve o bastón de mando ao PPdeG. Vieiros ofrécelle algunhas das claves da turbulenta política local.
O actual alcalde, Juan José Rocha
Catro anos anos e medio despois de deixar a Alcaldía de Abegondo, o ex conselleiro José Antonio Santiso Miramontes (PPdeG) está a un paso de volver a ela. O edil socialista Manuel Eladio Fernández vai apoiar o vindeiro día 20 unha moción de censura contra o rexedor actual, Juan José Rocha (Agrupación Progresista de Abegondo).
Pero para entender o crebacabezas político no que está fragmentado este pequeno municipio da bisbarra da Coruña, de pouco máis de cinco mil veciños, hai que remontarse a setembro de 2004. O daquela alcalde, José Antonio Santiso Miramontes, recibía a chamada de Manuel Fraga. O presidente da Xunta quería un rexedor para substituír a Diz Guedes, que renunciaba á Consellaría de Agricultura.
A menos dun ano dos comicios galegos, Santiso Miramontes dubidou moito á hora de deixar a dirección do consistorio. Non era o primeiro da lista e sabíao. Mais, finalmente, o profesor de Matemáticas aceptou formar parte da elite de San Caetano. Na cadeira do Concello quedou un seu compañeiro de partido: Juan José Rocha. As liortas non tardaron en chegar: o conselleiro, que seguía a contar con boa parte da militancia local, non quería un alcalde con autonomía plena.
En xuño de 2005, coa vitoria do bipartito, Santiso vía como se acababa o seu periplo como conselleiro. Aínda así, amarrara un posto que lle daba dereito a un escano no Pazo do Hórreo. O cisma na dereita local escenificouse nos comicios locais de 2007. O PPdeG apostou por Santiso Miramontes para volver pelexar pola alcaldía e Rocha tivo que presentarse baixo as siglas da Agrupación Progresista de Abegondo.
As urnas déronlle seis concelleiros ao PPdeG, catro aos partidarios de Rocha, dous ao BNG e un ao PSdeG. Estas tres últimas forzas lograron un acordo de goberno que lle pechaba as portas da alcaldía a Santiso Miramontes. Pero o ex conselleiro demostrou axiña, cunha implacábel oposición, que non renunciaba ao seu obxectivo.
Un político curtido nas cambadelas políticas
Santiso Miramontes, de 48 anos de idade, entrou na política en 1991. Grazas a un pacto co PP e o CDS logrou o bastón de mando. Porén, dous anos despois, unha moción de censura afastouno do poder. Curtido nas cambadelas políticas, a finais de 1994 volvía á alcaldía aupado por outra moción.
O daquela todopoderoso Romay Beccaría tomou nota das habelencias de Santiso Miramontes e ofreceulle encabezar en 1995 a lista do PP, coa que lograría tres maiorías absolutas consecutivas. Na súa primeira etapa nas filas conservadoras mantivo unha excelente relacción co daquela presidente da Deputación, Augusto César Lendoiro. Seguramente por iso, o tamén presidente do Deportivo decidiu construír en Abegondo a cidade deportiva do club herculino. Mais Lendoiro caeu en desgraza dentro do PPdeG e Santiso soubo buscar o apoio de certos alcaldes.
Foi co apoio dos rexedores cando Santiso Miramontes soñou metas máis altas. En novembro de 2004, sendo conselleiro, quixo ser presidente do PP coruñés. Pero o seu curto voo semellou o de Ícaro. O propio Manuel Fraga desautorizouno nun Consello da Xunta e ordenoulle integrarse na candidatura de Jesús Almuíña, que sairía derrotada en favor da do ferrolán Juan Juncal (o candidato de Génova)