A Fiscalía pide 21 e 19 anos de cárcere para cada un, respectivamente, pola suposta colocación dun artefacto explosivo na sede central de Caixa Galicia en Compostela o 23 de xullo de 2005.
A Policía fixo unha explosión controlada do artefacto / Foto: Ceivar
O xuízo a Giana Gomes e Ugio Caamanho xa te data. Será o 3 e 4 de novembro, nove meses antes de que remate o prazo legal de catro anos que estabelece a prisión preventiva, cando os dous militantes independentistas, en prisión dende 2005, respondan ante a Audiencia Nacional dos delitos que se lles imputan.
Caamanho e Gomes foron detidos o 23 de xullo dese ano, acusados de colocar un artefacto explosivo na sede central de Caixa Galicia en Compostela. A Fiscalía solicita penas de cárcere de 21 anos para el, e 19 para ela.
Dende o colectivo Ceivar, que informou esta cuarta feira da noticia, anunciaron o inicio dunha campaña nacional "para denunciar este proceso político e mobilizar a solidariedade do pobo galego até as salas da Audiencia Nacional de España nos próximos días 3 e 4 de novembro".