Máis de 50 mil litros de gasóleo vertéronse ao río Miño dende as instalacións do ente ferroviario estatal o pasado mes de abril.
O goberno español confirmou que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias español (Adif) "non recibiu notificación nin comunicación ningunha en relación cunha eventual incoación de expediente" por parte da Confederación Hidrográfica do Norte (CHN) logo do vertido de máis de 50 mil litros de gasóleo ao río Miño ao seu paso por Ourense.
Así o confirmou o Executivo nunha resposta escrita no Congreso aos deputados do Grupo Popular Celso Delgado e Xesús Vázquez Abad. Os populares demandaran coñecer se o ente público recibira algún expediente logo do suceso do pasado mes de abril.