Critican que o presidente da Xunta negase a chegada da contaminación ao río despois de que a Confederación Hidrográfica xa o confirmara.
"É lamentábel que informen mellor os veciños do que o fan os gobernos español e galego", laiábanse desde o PP, acusando as dúas administracións de "encubrir as neglixencias de Fomento". Segundo a avaliación dos populares, o acontecido é dobremente grave: por non evitarse o vertido e por non frear posteriormente a súa chegada ao río Miño. Tamén critican que a ministra de Medio Ambiente, a ourensá Elena Espinosa, evitase intervir na crise.
A Confederación Hidrográfica do Miño confirmara xa o pasado martes que o fuel vertido en Ourense polos depósitos da Administradora de Infraestruturas Ferroviarias, Adif, chegara á canle do Miño. Con todo, os técnicos da CHM explicaran que este vertido chegaba en cantidades "moi diluídas" e que non causaría impacto na ribeira. Paradoxalmente, un día máis tarde, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, afirmaba que "non chegou nada" ao Miño procedente do vertido. "Non se verteu nin un só litro de hidrocarburo ao río", teimou Touriño diante dos medios de comunicación.
Mentres, desde a Adif evitan confirmar ou desmentir ese extremo, e céntranse en prometer que realizarán un "cambio completo" das instalacións e depósitos que teñen en Ourense "para evitar que se repitan accidentes deste tipo". A empresa publica este venres publicidades a toda páxina en varios diarios do país, explicando entre outros que lle encargou á empresa EMGRISA, especialziada na xestión de residuos industriais, "a retirada do gasóleo e os residuos afectados polo vertido".