Será esta quinta feira, nun clima tenso tras pechar a OTAN dous postos fronteirizos, logo de seren incendiados por un grupo de persoas a prol da unidade serbia.
Manifestantes proserbios, este martes en Montenegro
Serbia prepara unha grande manifestación para esta quinta feira en Belgrado para condenar a independencia cosovar. As autoridades desexan que sexa pacífica e a máis masiva da historia recente do país Serbia, para demostrar sen violencia que un pobo unido rexeita a secesión de Cosova, berce e corazón da súa cultura e da súa historia.
Namentres, a situación é cada vez máis tensa no norte cosovar, onde os serbios constitúen a maioría da poboación. Máis de mil persoas desta comunidade, apoiados polos seus compatriotas de Serbia, incendiaron o martes dous postos fronteirizos que a KFOR, a forza da OTAN, decidiu pechar e que aínda permanecían clausurados esta cuarta feira.
"Eu creo que esta medida (a destrución dos postos fronteirizos) é lexítima. É quizais desagradábel, mais lexítima", dixo o ministro serbio para Cosova, Slobodan Samardzic. Pola súa banda, o primeiro ministro cosovar, Hashim Thaçi, tratou de minimizar esta cuestión, definíndoa coma un "incidente illado".
Visita de Javier Solana
O Alto Representante da Unión Europea para a Política Exterior (PESC), Javier Solana, realizou este martes a primeira visita dun alto responsábel estranxeiro a Cosova dende a proclamación da independencia, e chamou aos cosovares a "transformaren a súa enerxía positiva para avanzar no desenvolvemento da sociedade".
Pola súa banda, Serbia continúa tratando de contrarrestar a independencia de Cosova. O chanceler serbio, Vuk Jeremic, pediulle á Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE) que condenase a declaración unilateral.