Pide que se lles recoñeza o dereito de autodeterminación e reclámalles a EUA e a Europa que presionen ao goberno español.
Francesco Cossiga presidiu a República de Italia, entre 1985 e 1992
O ex presidente de Italia, Francesco Cossiga, afirmou este luns que a Unión Europea e os Estados Unidos deben facer presión ao goberno español para que desista de reprimir as nacións catalá, vasca e galega lles recoñeza o seu dereito de autodeterminación, segundo informa a axencia de noticias italiana AGI.
Segundo Cossiga, o Estado Español está a adoptar unha actitude "franquista" cara aos militantes independentistas vascos, cataláns e galegos. Cossiga fixo estas declaracións tras o recoñecemento internacional da independencia de Cosova por un importante número de estados, entre os que non está o español.
"Tras o amplo recoñecemento do novo estado de Cosova, nacido dunha declaración unilateral de independencia, agardo que os países europeos e os Estados Unidos fagan presión sobre o goberno de Madrid (nesta materia son o mesmo Aznar e Zapatero, e o Partido Socialista e o Partido Popular!) para que desista da represión policial e xudicial de tipo franquista contra os militantes das tres minorías do Estado español e para que se lles recoñeza a estes pobos o seu dereito de autodeterminación", expuxo.