As últimas funcións foron realmente emocionantes, sobre todo a do V caracol, que para todos fala, onde toda a comunidade zapatista, a xunta de bo goberno, ducias de internacionais e moitos promotores e promotoras de diversas índoles acompañáronnos na estrea do “Chunari Chunari”, o número estrela do meu novo personaxe “Barbinni”. Incluso me dixeron que, durante días, a xente da comunidade cantaba a música do número: “A maxia de Barbinni Uuuhhuu”
Na xuntanza final coa xunta houbo un momento moi especial no que, baixo a dirección de Anna, mantivemos unha entrevista política que será incluída no documental que a nosa compañeira xa está a montar desde Barcelona. Nesa xuntanza non só explicaron a situación real do zapatismo e os seus retos, senón que tamén enviaron unha emocionante mensaxe para a cidadanía galega: “estamos nesta loita para que unha vida mellor sexa posible en unidade e fraternidade con todos os pobos do mundo, porque deixar de loitar é empezar a morrer...”
Marchamos ao día seguinte atravesando o río e deixando a nosa familia zapatista esperando o noso retorno, con novos proxectos e máis risos rebeldes debaixo do brazo. Unha morea de cancións creadas durante a nosa caravana axudaban a que na redila que nos levaría a Palenque en dirección a DF sensación de tristura que nos embargaba minguase.
DF foi desta volta unha forte experiencia marcada polas xuntanzas que mantivemos. Por unha banda con representantes de toda unha xeración que no 94 estaban a facer nacer a loita política estudiantil e que ligaron definitivamente a súa vida e carreira ao movemento zapatista e aos seus camiñares; xente que contaba en primeira persoa parte fundamental da historia pública do EZLN, desde a lectura urbana e intelectual, pero xente tamén que nos falou de loita a pé de rúa con balazos no corpo incluídos xunto a nenos da rúa, barrios, camiño do “favelismo” e a defensa numantina dos presos políticos nun país no que a palabra impunidade ocupa a metade do diccionario institucional.
Tamén tivemos tempo para entrevistarnos con Luis Navarro Hernández, unha das plumas xornalísticas máis prestixiosas de México e o intelectual zapatisita con maior proxección internacional que lle queda nestas horas post López Obrador ao EZLN. Este home de xeito amable e campechán aceptou a invitación de Pallasos en rebeldía para asistir en Galicia a un Foro internacional que xa estamos a programar.
Neste capítulo de entrevistas non podemos esquecer a xuntanza cun extraordinario fotógrafo capitalino e zapatista de raíz co que imos iniciar unha aventura expositiva de carácter internacional que dará moito que falar.
Marchamos PARA VOLVER, e no mesmo avión no que viaxamos a Barcelona a Jornada infórmanos que Choles de Tumbalá vai ser desolazada en breve tal e como pasara hai case 20 meses cando os avións, as paleadoras e os paralimitares pagados polos gandeiros prisitas acababan coa comunidade. Coma daquela, se desta volta se repite esta tremenda inxustiza, a xunta de bo goberno, volverá coas bases de apoio a retomar a comunidade e a reconstruila, para que a autonomía, a resistencia e o zapatismo sigan camiñando estas terras que os ideais de Votan zapata nunca abandonaron, así como os Pallasos en rebeldía non abandonarán a Choles de Tumbalá a e á resistencia indíxena. Marchamos pero volveremos para actuar en Choles de Tumbalá así sexa baixo as balas dos poderosos ou en metade dun campamento de refuxiados como xa fixeramos no 2003 en Palestina.
Crónicas
anteriores: Nomes de soños (9)