Velaquí vén a terceira entrega das crónicas de Iván Prado, director da caravana solidaria de Pallasos en Rebeldía, un ano máis en Chiapas.
Tres días de formación en Joljá son o mellor xeito de conectar co proceso revolucionario que as comunidades zapatistas están a desenvolver no campo da formación. E xustamente iso é Joljá, un prado no que se atopa a cancha de basket, unha bodega para a tenda cooperativa do centro de formación, pequenas aulas onde dan clases desde os promotores de saúde, ata as compañeiras que traballan o xénero e, por suposto, nas que se fan o seu traballo os promotores e as promotoras de educación.
Este centro engloba a máis de duascentas comunidades dos altos da zona norte que, posiblemente, sexan os máis castigados polos paramilitares e os priístas (seguidores do PRI) de Chiapas. Aínda así, e con todo o duro que o teñen, os compas seguen na resistencia, os promotores seguen dando as súas clases prácticamente dende o voluntariado, mantidos só polas súas familias e algún compa máis e apreixoados polo modelo cultural capitalista que cada vez rouba máis adeptos entre os pobos indios, perdendo así non só a identidade, senón tamén a forza de traballo comunitario que, ata hai moi pouco, era a verdadeira forza destas xentes.
Por iso, os zapatistas teñen tan claro a necesidade de reforzar o camiño da educación e así nolo fixeron saber na xuntanza que tiveron con nós os promotores de educación que entrevistamos para o noso documental: "Loitamos para que a identidade comunitaria non desapareza, pero tamén por potenciar a multiculturalidade... loitamos contra o capitalismo e o mal goberno porque queremos vivir en liberdade e no autogoberno".
Baixo folla de guano, nun pequeno galpón durmen e reúnense con nós estes homes e mulleres que, desde o discurso zapatista, xunguen o marxismo con cosmovisión indixena, a loita pola ideas coas ansias de vivir sin problema...
Está en marcha unha pequena revolta. Non é a das armas, senón a dos corazóns desta xente que desde o o 94 alumean os vieiros da Historia, nesta república que inventaron Zapata e Pancho Villa moito antes da chegada da democracia occicental.