Crónica de Iván Prado, director da caravana solidaria de Pallasos en Rebeldía, un ano máis en Chiapas.
Actuar cos compañeiros zapatistas é unha gozada. Por iso, cando chegamos á sexta e última actuación deste tramo da xira, que se detén para que poidamos participar da xornada de encontro das mulleres zapatistas co mundo, no caracol da garrucha, todo se desenvolve entre a festa e a tristura. A festa polo ben que saiu a actuación, a cantidade de risas que conseguimos, a alegria de voltar a unha comunidade realmente fermosa na que de todas as casas de guano e de madeira saen berros de Lokonuk e de pallasos..., pero tamén a tristeza de saber que nos imos separar destes grandes compañeiros de viaxe.
Nova revolución é unha comunidade sacada dunha película dos bos anos de Hollywod. Era unha finca cafetaleira que os compas tomaron no 94 a costa de moita forza e sufrimento, rodeados polos paramilitares e o exército privado do propio finqueiro. Entre as matas de frijol e os plataneiros aparecen restos da mole industrial en forma de mensaxe póstuma do capital que aquí explotaba xentes e terra.
As camionetas enferruxadas fan de improvisado parque de xogos infantís e as oficinas do capataz son a casa común da xente na que fan a misa e mailas asembleas.
Hoxe Lokonuk está na sua salsa, a rapazada persígueo por toda a comunidade e os xogos improvisados dan paso a unha entrevista gravada coas autoridades que contan para a cámara de Anna e o documental dos pallasos a dura historia de ocupación e da actual división que sofre a comunidade a mans dos partidos.
Moitas das familias que chegaron aquí viñan escapando da morte segura na comunidade da que os paramilitares os desaloxaron, pero baixo o EZLN atoparon teito e terra. Hoxe, de novo, teñen que prepararse para loitar no seo da sua familia contra o virus da corrupción do capital e os seus lacaios, os partidos. De momento van gañando as risas e a festa. Veremos o que pasa cando mañá marchemos cargando todos os vultos polas veredas, camiño da priista sabanilla.
Aquí deixamos amores e recordos......
Crónicas anteriores