Baixo o lema "6-D: pola autodeterminación, non á Constitución española" convocan unha manifestación nacional en Vigo para esta quinta feira.
Dende o seu nacemento, o verán pasado, o movemento autodeterminista Causa Galiza xa mobilizou varios milleiros de persoas o pasado Día da Patria en Compostela. Dende aquela a organización, que xunta a varias entidades galegas, soberanistas de esquerdas, estivo organizando a súa estruturación comarcal. Esta quinta feira convocan en Vigo unha manifestación a prol da autodeterminación.
En Vieiros falamos cun dos membros de Causa Galiza, Braulio Amaro, que nos contou un chisco do que pensan facer no futuro e das principais reclamas da plataforma, no inicio da posta en funcionamento da súa estruturación comarcal.
Vieiros: Que resposta agardan ter nesta manifestación? Pensan xuntar moita xente?
Braulio Amaro: Tentamos recuperar a tradición galega das vellas manifestacións pola autodeterminación e queremos desenvolver un acto de protesta no que seguir esixindo ese dereito. Entendemos que a Constitución española impide aos pobos dos Estado Español, entre eles Galiza, exercer o seu dereito á autodeterminación.
Nós pensamos que todos os sectores nacionalistas e soberanistas de esquerdas deberan participar nesta manifestación, e, aínda que non son moi boas datas (en plena ponte), cremos que podemos ter unha resposta importante e moi ampla, do nivel da que tivemos o pasado 25 de xullo, ou se cadra superior.
Alén desta manifestación, que teñen pensado facer no futuro en canto á contestación ao proceso de reforma estatutaria en Galiza?
Aínda estamos en proceso, comezando... Iniciando unha andaina longa cuxo obxectivo concreto está no referendo estatutario, que até o de agora está parado, pero ha volver poñerse en marcha.
Agora estamos traballando nun proxecto que satisfaga os desexos e arelas dos nacionalistas e soberanistas, e tentar que conflúan todas as persoas nun núcleo central soberanista e galego, dando pasos pouco a pouco, con sentido común e con tranquilidade, porque debido ás diferenzas históricas dos distintos movementos e persoas que conflúen en Causa Galiza, non resulta doado facer un camiño conxunto.
En canto ás accións a desenvolver, imos traballar inmediatamente nas celebracións do 25 de xullo, e na presentación de Causa Galiza por todas as comarcas do país. Queremos facer unha campaña divulgativa para consolidarnos como a entidade que somos por toda Galiza. Esta terza comezaron as presentacións comarcais; xa nos tiñamos presentado a nivel nacional o pasado mes de xullo en Compostela, mais agora queremos chegar a todos os lugares do país, onde imos tentar explicar por que é necesario o exercicio do dereito á autodeterminación e que vantaxes lle aporta ao pobo o exercicio da soberanía propia. A isto nos imos dedicar nos primeiros seis meses do 2008, e despois a preparar os actos do 25 de xullo (a manifestación nacional que sirva para fortalecer máis o proxecto de Causa Galiza).
Pensa que alén dos partidos institucionais e as súas políticas, os únicos que están a se mover son certas plataformas cidadás ou movementos cívicos?
Os partidos políticos institucionais con representación parlamentaria están moi desprestixiados socialmente. Agora mesmo hai varios movementos importantes no país; por un lado están os movementos sociais e organizativos que están a se enfrontar a problemas concretos (a construción das vías do AVE, contra as explotacións mineiras, no Courel, ou contra Reganosa en Mugardos...), que son moi importantes para o país (e que tiveron o seu precedente na gran contestación á catástrofe do Prestige).
E por outro lado tamén está Causa Galiza, que tenta ser altofalante de estes problemas, do que acontece. Nace para dicir que isto está a acontecer por algo, que hai responsábeis e causas evidentes, moi claras. O que queremos é demostrar que todo mudaría se puidesemos decidir por nós mesmos; decidir o que queremos ser, onde queremos estar e a onde queremos ir. Isto plásmase no dereito á autodeterminación, e é preciso que a xente sexa consciente disto. Hai que facer un labor pedagóxico para que os galegos saiban que o que acontece si que se pode cambiar, coa participación a todos os niveis da vida social e política. Nós podemos ser soberanos, e daquela, ter a capacidade de decidir por nós mesmos.
Daquela, habería que revitalizar o traballo da rúa coas mobilizacións?
Hai que recuperar o traballo da mobilización popular, e hai moitos colectivos en Galiza traballando agora nisto, con moita capacidade de mobilización (como por exemplo algúns sindicatos). O que é preciso é analizar a situación do pobo traballador dende unha perspectiva transformadora, no marco da defensa dos dereitos nacionais do noso pobo.