Os membros co CPXG e os asociados do Club de Prensa de Ferrol escolleron o gañador entre oito finalistas.
O xornalista estadounidense Jon Lee Anderson recibirá o 2 de maio o terceiro premo José Couso de Liberdade de Prensa, que conceden o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e Caixanova. Os colexiados do CPXG e os asociados do club ferrolán escolleron a Anderson entre os finalistas do premio pola súa oposición, dende o primeiro momento, á invasión de Iraq.
Anderson, que forma parte do cadro de persoal de The New Yorker, comezou a súa carreira especializándose en temas relacionados con Hispanoamérica e actualmente escribe sobre os conflitos posteriores aos atentados do 11 de setembro de 2001.
O fallo do premio fíxose público o venres na Galería Sargadelos de Ferrol, onde interviñeron o presidente do Club de Prensa, Xan Morales Somoza; o secretario do premio, Darío Janeiro, e o decano do CPXG, Xosé Manuel Vega. O premio Xosé Couso instituíuse no ano 2005 para lembrar a figura do cámara galego, asasinado no Hotel Palestina de Bagdad por tropas estadounidenses durante a guerra de Iraq.