A memoria e a actitude profesional de Xosé Couso terá continuidade no premio que leva o seu nome. Un galardón que recoñecerá e difundirá o traballo dunha persoa ou institución destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientábel traxectoria profesional, libre e independente. O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Vega; a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xúlia Díaz; e Guillermo Brea, director da Obra Social de Caixanova, presentaron hoxe en Vigo o Premio Xosé Couso de Liberdade de Prensa.
Xosé Manuel Vega manifestou que a concesión do mesmo "debe servir á vez para renderlles tributo ás persoas que como Xosé Couso perderon a vida no exercicio da súa profesión de xornalista" e que lles "recorde aos gobernantes de todos os países democráticos" que o "dereito á información é unha conquista histórica da humanidade que non pode ser cercenada en ningunha situación e baixo ningún pretexto". Vega engadiu que o premio é unha mostra de "solidariedade coa súa familia, que tan desamparada se sentiu".
A presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xúlia Díaz, sinalou que "hoxe é un día importante para toda a profesión xornalística" ao "materializarse unha arela que mantiñamos dende a fundación da entidade". "A morte de Xosé Couso non é unha máis", enfatizou, "ao crearse unha sensación de impunidade e de orfandade pola morte do compañeiro".
O prazo de presentación de candidaturas queda aberto ata o día 28 de febreiro. Posteriormente, realizarase a votación a través de correo postal ou internet entre os colexiados do CPXG e os socios do Club de Prensa. O nome do gañador darase a coñecer o 3 de maio de 2005, Día Mundial da Liberdade de Prensa, o premiado será galardonado cunha escultura de Manuel Patinha titulada Ás Ceibes.