O cambio na Secretaría Xeral de Educación enfeblece aínda máis o escaso peso deste sector na Xunta.
Atopar un partidario de Baltar no executivo de Núñez Feijoo é tan complicado como buscar un "sioux" entre os oficiais que acompañaban a Custer. O presidente non contou co 'sector da boina ourensán á hora de nomear conselleiros e incluso impuxo un superdelegado (Roxelio Martínez) que doeu, e moito, na Deputación de Ourense. Farto de ver como minguaba o seu poder, o vello Baltar non dubidou en mobilizar os alcaldes para presionar en Santiago e reclamar cota de poder. Mais Feijoo tiña decidido non ceder. A táctica era ir cortádonlle a herba debaixo dos pés ao noutrora todopoderoso presidente provincial.
Esta semana trascendeu a "dimisión" (cesamento, segundo moitos) do número dous da Consellaría de Educación. Xosé Luís Vázquez Fernández deixaba o cargo de secretario xeral e caía así unha das poucas bazas que poidera meter Baltar no Goberno. O até a semana pasada secretario xeral era un home afeito a estar nun segundo plano. O conselleiro Xesús Vázquez nunca o considerou un dos seus. Mais ben todo o contrario.
A finais do ano pasado a guerra polo poder entre "oficialistas" e "baltaristas" estoupou en todas as comarcas de Ourense. O conselleiro de Educación non dubidou en meterse de cheo para apoiar a Jiménez Morán. Os partidarios de Baltar aseguran que Xesús Vázquez presionou a alcaldes para que "virasen a chaqueta" de cara ao congreso provincial.
O 'baltarismo' e o decreto
A consellaría foi un dos departamentos do Goberno que máis desgaste sufriu no primeiro ano de Núñez Feijoo. Canda outras numerosas frontes abertas, a contestación social á derrogación do decreto de linguas foi o principal crebacabezas en Educación. O PPdeG preocupouse de dar unha imaxe de total unidade interna na cuestión lingüística. No medio do aparente monolitismo, só se escoitou publicamente a voz discordante de Rafael Cuíña. O fillo do ex conselleiro de Lalín non dubidou en en apoiar abertamente aos colectivos que estaban a liderar a oposición as políticas lingüísticas da Xunta.
Mais na consellaría proeu especialmente o informe do Consello da Cultura que se deu a coñecer en febreiro. Un dos asesores do comité que redactou o documento era unha persoa da casa: Felipe Ferreiro Feijoo, ex delegado de Educación en Ourense encadrado tamén no sector "baltarista". O Consello recomendáballe a Educación que retirase o decreto e que intentase recompoñer o consenso.