O máximo órgano consultivo fai fincapé na necesidade dunha discriminación positiva para o galego e advírtelle ao Goberno da “conflitividade” que poden crear os seus plans.
Poucas veces unha proposta gubernamental tivo a tantos en contra. Ninguén, agás o propio executivo, está disposto a mirar cara a outro lado cando lle poñen enriba da mesa as “Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo”. O último pronunciamento público fíxoo este martes o Consello da Cultura Galega. A institución considera que o decreto que pretende sacar adiante o Goberno, ademais de ser un paso atrás para a lingua galega, ameaza con converterse nunha fonte de conflitividade.
A pesar de que o informe é moi medido e baseado en argumentos “sociolingüísticos e pedagóxicos”, o pau é especialmente simbólico se se ten en conta a natureza da institución. Como entidade estaturia que é a presidencia de honra recae no propio presidente da Xunta. Por se fose pouco, o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, é membro nato do plenario. Aínda así, o informe elaborado por unha comisión presidida polo sociolingüista Henrique Monteagudo foi aprobado polo plenario sen ningún voto en contra.
Na presentación pública do ditame, o presidente do Consello, Ramón Villares, subliñou que é un texto “feito con responsabilidade pero tamén con firmeza. Analízase punto por punto as bases e faise un esforzo para facer propostas construtivas”. Villares sinalou que a institución que preside recomenda un esforzo para lograr un consenso real (a través dunha comisión parlamentaria) para evitar mudanzas constantes na política lingüística do ensino. A maiores deixou claro que non é posíbel tratar como iguais aos desiguais, en alusión á necesidade clara de que o idioma do país goce dunha discriminación positiva para que poida haber normalidade: “Son linguas con status diferentes e débese facer un esforzo para promocionar o galego”.
Henrique Monteagudo foi aínda máis claro ao sinalar que hai un madato de promoción e de progresividade no emprego do galego nas aulas. Por primeira vez na historia, se Feijoo aproba sen modificación sustanciais o decreto, romperíase este principio: “algo que non pasou nin con Albor, nin con Laxe, nin con Fraga, nin con Touriño”. Monteagudo tamén lembrou que a análise do Consello está inspirada no Plan Xeral de Normalización aprobado polo Parlamento por unanimidade.
Unha das anécdotas da presentación foi o momento no que un xornalista preguntou se consideraban que o Goberno atendería as numerosas obxeccións do Consello da Cultura. Tanto Villares como Monteagudo encolleron os ombros e riron antes de explicar que esa non é unha cuestión que lles competa a eles. Porén, Ramón Villares deixou unha advertencia no ar: “Nós cremos que canto máis caso nos fagan menos problemas van ter”.
Poden ver aquí o ditame completo do Consello da Cultura (.PDF)