Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Máis de mil palabras

Os produtos da empresa portuguesa Priberam incorporarán o léxico galego da AGLP

Un acordo asinado entre a academia e a compañía informática xa fixo posíbel que se poidan consultar as formas propias do país no servizo de vocabulario online.

Redacción - 10:15 02/05/2010

O léxico, semántica, sintaxe e fraseoloxía propios do galego iranse incorporando aos programas informáticos da compañía portuguesa Priberam, despois dun acordo asinado entre a empresa e a Academia Galega da Lingua Portuguesa (AGLP).

A academia anunciou que o primeiro paso xa foi a inclusión do Léxico da Galiza no vocabulario que Priberam ten accesíbel na internet. Son, en total, 1.092 palabras a as súas respectivas flexións, de uso corrente na fala cotiá ou literaria en Galiza. O protocolo asinado entre as dúas entidades supón a actualización regular dese léxico e a elaboración das súas definicións, que se incluirán no dicionario Priberam e noutros produtos da empresa.

O traballo corresponderalle á Comisión de Lexicoloxía e Lexicografía da AGLP, que coordina António Gil Hernández. O léxico chega á súa terceira versión, que corrixe e amplía a que xa se presentara o 14 de abril de 2009 na Academia das Ciéncias de Lisboa e se incluíra no Vocabulário Ortográfico da Língua Portuguesa da Porto Editora.

O presidente da AGLP, José-Martinho Montero Santalha, valorou o acordo como "paso importante na senda da normalidade e do recoñecemento do galego, dentro e fóra de Galiza, como variedade da lingua común". A inclusión das formas galegas "vai facilitar o seu uso normal en Galiza a través dos produtos informáticos máis innovadores, reforzando o prestixio do galego e da comunidade lingüística".

Priberam é a maior empresa informática portuguesa dedicada á produción e venda de correctores de textos. Dispón, ademais, de servizos de balde en liña como auxiliares de tradución, conxugador, conversor ao Acordo Ortográfico, un vocabulario ou consultas de dúbidas. Para Helena Figueira, lingüista da empresa, "a inclusión do léxico de Galiza no Vocabulario da Priberam resulta do interese da empresa na expansión das ferramentas lingüísticas con recursos de máis variedades do portugués (alén do portugués europeo e do portugués do Brasil)".


4,64/5 (22 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: