Reganosa é "perigosa" e "deficitaria", insiste o CCE. As cifras da gaseira non cadran e a meteoroloxía e a estreita bocana da ría complican o tránsito.
En varias ocasións teimou en entrar sen éxito esta semana o buque gaseiro LNG "Madrid Spirit" cara á planta de Reganosa. Mais a estreita canle de acceso ao interior da ría, dunha banda, e a forza do vento por outro, fixeron imposíbel que durante a marea alta o barco puidese acceder. É o buque número 63 que chega á planta regasificadora de Ferrolterra e cando menos hai rexistrados quince intentos fracasos de entrada de gaseiros debido á meteoroloxía. A conta sae aproximadamente a un de cada catro destes megabuques atrancado á porta da ría sen éxito na manobra de entrada.
Para o Comité Cidadán de Emerxencia (CCE), este balance dálle a razón ás advertencias realizadas en reiteradas ocasións sobre a errada localización da planta e o agoiro de problema aos buques. Unha circunstancia que coincide co balance de actividade da planta de Reganosa que, ao 30% da súa capacidade, demostraría que se trata dunha infraestrutura que, ademais de perigosa, é "innecesaria". "Sen demanda e deficitaria, pervive a costa dos fondos públicos, en beneficio exclusivo dos seus promotores", denuncia o CCE. E todo isto "coa complicidade das autoridades estatais, autonómicas e locais", láianse desde a plataforma veciñal. Recordan desde o Comité que o propio déficit da planta, 60 millóns de euros, coincide co déficit do conxunto do sistema gasístico estatal.
A situación fora xa denunciada desde o colectivo universitario F-CAPE coincidindo co primeiro aniversario do funcionamento da planta. Daquela, advertían do paradoxo de que se quixese forzar unha "costosísima ampliación" do gasoducto que non sería realmente necesario nin para exportar gas nin para recibilo. As cifras indican que tampouco existiría razón para duplicar a capacidade de regasificación da planta que fica moi lonxe da produción prevista. Por riba, o tipo de regasificación empregado (circuíto aberto con uso de auga de mar) é fortemente agresivo co ecosistema da ría.