A presidenta do colectivo subliña que non houbo ningunha intención de roubo, senón a de queimar diferente documentación.
Dende que iniciasen as súas accións contrarias á planta de gas de Reganosa, en Mugardos, a Asociación de Veciños "O Cruceiro" de Mehá xa recibiu diferentes agresións. A última foi este martes, cando uns descoñecidos prenderon lume no local do colectivo, cunha clara intención de destruír documentación relativa á Asociación e ao Comité Cidadán de Emerxencia, do que forma parte.
Segundo nos explica a presidenta do colectivo veciñal, Luz Marina Torrente, a chegada dunha das socias ao local impediu "que o edificio rematase calcinado", xa que o lume, iniciado nun estante que albergaba os documentos, puido ser atallado. Sobre as catro e cuarto da tarde, a casualidade quixo que esta socia acudise á sede da Asociación, cando non estaba previsto que ninguén se achegase até alí até as seis da tarde. Foi ela quen apagou o lume e deu a voz de alarma, ademais de chamar á Garda Civil, perante a que se presentou a correspondente denuncia.
"Veñen por nós"
Luz Marina Torrente subliña que, malia a presenza dalgúns obxectos de valor, como unha televisión, un dvd e mesmo a caixa dos cartos, os "asaltantes" non levaron nada: "a intención era a de destruír esa documentación e facer dano", explica, "non a de roubar". Ao tempo, explica por onde van as súas sospeitas: "non cabe dúbida de que somos un colectivo un pouco incómodo para algunha xente", asegura, "isto fainos poñer en alerta e danos conta de que algunha xente ven a por nós".
Na xornada do martes, cando se produciu o suceso, o Comité Cidadán de Emerxencia facía pública a súa satisfacción pola resolución do Tribunal Supremo, favorábel ao recurso interposto pola Plataforma dos Praceres (de Marín), ordenando a reposición ao seu estado natural do recheo do Porto de Marín por carecer de Estudo de Impacto Ambiental. "Non nos parece casualidade que se leven a cabo agresións coma esta neste momento", di Luz Marina Torrente, "cando se están coñecendo sentenzas coma esta e cando estamos á espera dun pronunciamento do Tribunal Supremo sobre o noso caso".
A última dun longo listado de agresións
A Asociación de Veciños O Cruceiro de Mehá lamenta este último ataque, que se ven sumar a outros tantos dos que xa foron obxecto. Convén recordar a explosión dun artefacto nun contedor de vidro próximo ás súas vivendas e ao local onde habitualmente realizan as xuntanzas. "Naquela ocasión, aínda que non se fixese nada e que tivésemos que escoitar declaracións do alcalde restándolle importancia, ocasionáronse estragos nas nosas casas e nos nosos coches", recorda, "e a única intención era a que poñernos medo".
Ademais, tamén denunciaran o secuestro do mural no que eixixían a desautorización política da planta de gas de Mugardos por parte da alcaldía. E, no terceiro mes do seu peche no concello, acudiron á vía xudicial para requirir actuacións administrativas contra os que lle prenderon lume á pancarta que colocaran na fachada principal do concello, onde cada día ía mudándose a cifra que indicaba os días de peche.