Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O BNG non quere cambios que impidan a fusión

Feijoo descarta preitear co Estado

O Goberno confía en que a Lei de Caixas quede desbloqueada o martes. O PSdeG acusa a Feijoo de teimudo. Mentres, Caixa Galicia gaña 91 millóns de euros en 2009.

Redacción - 18:15 19/02/2010

Un día despois de que o Tribunal Constitucional (TC) admitise a trámite o recurso do Estado contra a Lei de Caixas e a outros tres da próxima xuntanza bilateral entre Xunta e Estado, o Goberno amósase optimista sobre o desbloqueo da norma. Así o asegurou o presidente da Xunta quen asegurou que “de aquí até o martes hai tempo” e adiantou que “o máis importante é non pleitear entre administracións”.

Na mesma liña se manifestou o secretario xeral do PPdeG e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, quen engadiu que a Xunta “non tocará os aspectos substanciais” da Lei de Caixas e confirmou que xa houbo “moitos avances” nas negociacións, ao tempo que garantiu que o recurso de inconstitucionalidade do Estado “podería terse evitado con diálogo previo”. Ademais, Ruedo amosouse convencido de que a fusión entre Caixa Galicia e Caixanova é aínda factíbel “sen ter que recorrer a un plan B” e avisou de que, se finalmente non se produce, será un “fracaso de Galiza” e non do Goberno que preside Feijoo.

Para o PSdeG, teimosía do Goberno
O portavoz parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, acusou o Goberno de “teimudo” por “non axustar a Lei de Gaixas ao marco competencial da Comunidade Autónoma”, conforme ao recurso. Defendeu así a “vía do axuste” e pediu a reforma dos dez preceptos recorridos polo goberno español ante o TC e non descartou agardar ao pronunciamento do alto tribunal, un extremo ante o que o PSdeG “non ten ningún temor”, xa que “confía plenamente na Xustiza”.

Pola súa parte, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, pediu a Feijoo que recoñeza o seu “gravísimo erro” ao tramitar a lei e asegurou que a suspensión da normativa se produce porque o presidente “elixiu un mal camiño e vulnerou a Constitución”.

O BNG a prol da transparencia
O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, advertiu ao respecto da situación que a Xunta "non debe admitir ningún cambio na Lei que impida a fusión das caixas galegas". "Estamos claramente diante dun recurso político dirixido a impedir a fusión das caixas galegas e dese xeito favorecer, vía fusión fría ou quente, que acaben absorbidas por entidades foráneas", denunciou o portavoz do Bloque.

Os nacionalistas iniciaron este venres en Compostela unha campaña de información que se repetirá nos diferentes concellos do país. Diferentes membros da corporación municipal do BNG repartiron folletos entre os veciños sobre a nova Lei de Caixas e a prol da fusión. A edil compostelá, Socorro García, subliñou a importancia de que “a xente coñeza o que está pasando” e reclamou “o dereito de Galiza a xestionar e decidir sobre os seus propios aforros”. Ao respecto do recurso de inconstitucionalidade, asegurou que a súa aceptación a trámite non é máis que “un movemento puramente político” e confirmou que o BNG está a actuar en todos os concellos a través dunha campaña de mocións nos plenos e de reparto de información.

91 millóns de beneficio
Precisamente este venres, Caixa Galicia deu a coñecer os seus resultados económicos de 2009, unhas contas que dan como resultado 91 millóns de euros en beneficio. Esta cifra representa un descenso do 59,5% en relación con 2008, despois de destinar a provisión e saneamentos 395 millóns (un 30,8% menos) e facer unha extradotación de 58,7 millóns de euros ante a previsión de deterioro no valor da carteira de inmóbeis.

Os depósitos de clientes subiron un 6% e o total de recursos alleos xestionados pola caixa ascenderon a 40.367 millóns de euros. Porén, a entidade pechou 2009 cunha taxa de morosidade do 4,9%, por debaixo da media do sector. Ademais, a entidade tiña ao peche de 2009 un total de 828 oficinas (un 7,07% menos que en 2008) e 4.561 empregados, o que representa un descenso do 5% con respecto ao ano anterior (en cifras absolutas supón a perda de 241 empregos).


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Caixa Galicia pechou o ano pasado 828 oficinas
Caixa Galicia pechou o ano pasado 828 oficinas
Rueda amosouse convencido de que a fusión entre Caixa Galicia e Caixanova é aínda factíbel “sen ter que recorrer a un plan B”
Rueda amosouse convencido de que a fusión entre Caixa Galicia e Caixanova é aínda factíbel “sen ter que recorrer a un plan B”
Abel Caballero pediu a Feijoo que recoñeza o seu “gravísimo erro”
Abel Caballero pediu a Feijoo que recoñeza o seu “gravísimo erro”