Cos votos favorábeis do goberno tripartito xa extinto, o concello é o primeiro en declarase oficialmente contrario aos touros.
As festas de Cangas non poderán incluír nos seus programas corridas de touros. De feito, non as incluían dende hai xa máis de trinta anos, mais agora a celebración deste tipo de festexos está oficialmente prohibida. O concello do Morrazo foi o primeiro de toda Galiza en declararse “vila contraria ás corridas de touros e amiga dos animais”, logo dunha movida sesión plenaria.
A moción, presentada por Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE), contou ademais cos votos favorábeis de BNG e PSdeG, é dicir, dos grupos que conforman o grupo de goberno recentemente esgotado. O PP abstívose na votación alegando que esta petición non tiña “demasiado sentido en Cangas, onde non se recorda ningún espectáculo deste tipo dende a época de Lois Pena”. O municipio sumouse así os mais de 70 concellos de Cataluña, Euskadi e Baleares que xa adoptaran esta decisión e convértese no primeiro galego en facelo.
O acordo implica que o Concello de Cangas “non será cómplice dun espectáculo cruel como o das corridas de touros nin de ningún outro espectáculo onde se torturen animais” e non permitirá tampouco que se anuncien espectáculos deste tipo na súa web nin en ningún outro medio de difusión de titularidade municipal.
Consenso dun goberno roto
A normalidade volveu este luns ao concello de Cangas logo deste pleno no que, ademais, se fixo efectivo o que Alternativa Canguesa (ACE) viña anunciando dende hai meses: a ruptura do pacto de goberno. Os concelleiros desta formación, Mariano Abalo, Xosé Manuel Pazos e Maruchi Álvarez, comunicaron o abandono das súas funcións como membros do grupo de goberno, que agora queda en minoría cos cinco edís do BNG e os catro do PSdeG. A oposición queda agora composta por 12 concelleiros: oito do PPdeG, a edil non adscrita (anteriormente nacionalista) e os tres de ACE.
Agora, na semana despois, os diferentes partidos amosan as súas reaccións. Dunha banda, o PSdeG recoñece o difícil da situación e apunta a que “valorará se segue no goberno e en que condicións”. O BNG descarta definitivamente a dimisión de Clara Millán (petición que facía ACE para non rachar o tripartito) e convida a Abalo a presentar unha moción de censura co PP. Pola súa parte, os de Alternativa Canguesa reiteran que é imposíbel calquera acordo cos populares e estes últimos aseguran que Millán perdeu toda lexitimidade para manter a alcaldía e piden que o Bloque se someta a unha moción de confianza. Agora só queda agardar acontecementos.