Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O BNG MOVE FICHA

A alcaldesa de Cangas retíralle a Abalo competencias de Urbanismo

Dende ACE xa adiantan que non responderán a ese "tipo de provocacións" e lamentan que non se abra unha mesa de diálogo.

Redacción - 10:35 30/09/2009
A alcaldesa de Cangas, Clara Millán (BNG), retiroulle competencias a Abalo en materia de urbanismo

A alcaldesa de Cangas, Clara Millán (BNG), retiroulle competencias a Abalo en materia de urbanismo

Co goberno tripartito en continuo cambaleo, a alcaldesa de Cangas tomou a primeira decisión estratéxica neste taboleiro de xogo no que, de momento, nada se precipita. Clara Millán (BNG) ditou unha resolución segundo a cal o vindeiro luns será ela quen presida a Comisión Técnica de Urbanismo, asumindo as rendas dunha concellería de urbanismo que, segundo o acordo do pacto de goberno, asumía até o de agora o líder de Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE), Mariano Abalo.

Esta decisión obedecería, segundo a nacionalista, ás queixas recibidas sobre o estado de abandono deste departamento, logo de reclamacións supostamente presentadas ben de promotores, ben de particulares, pola xestión do urbanismo municipal. En calquera caso, o que fai a alcaldesa é asumir as competencias que, entende, descoidaba o actual edil, a quen acusan de ausentarse de diferentes comisións. A decisión ten o carácter oficial dunha resolución que fará que sexa Millán quen presida unha xuntanza que, polo seu cargo, lle correspondería a Abalo, mais non foi adoptada nunha xunta de goberno, órgano que permitiría, de facto, retirar o líder de ACE do goberno municipal.

Con todo, no actual momento político no que os enfrontamentos entre estas dúas formacións coligadas no executivo local anuncian unha posíbel ruptura, a ninguén escapa as posíbeis derivacións deste movemento.

Para Abalo, unha "cortina de fume"
O concelleiro de urbanismo xa adiantou que dende a súa formación "non vamos a entrar neste tipo de batallas", argumentando que a decisión que tomou a alcaldesa busca "unicamente desacreditar e confundir". Mariano Abalo entende que "esta é a reacción dunha persoa cabreada", mais que "non é a forma de resolver a crise de goberno".

Así as cousas, e coa negativa das dúas formacións a asumir unha ruptura do pacto de goberno que, con todo, ambos consideran insostíbel, Abalo lamenta que non se dese ningún paso aínda para "abrir un cauce de diálogo". A día de hoxe, asegura, non se convocou ningunha xuntanza para avaliar a situación de gobernabilidade ou para superar esta patente crise.

O líder de ACE advirte á alcaldesa que "se está tan preocupada polas cuestións urbanísticas que asuma os seus propios erros" no canto de "actuar como a dereita máis caciquil" e subliña que a actual retirada de competencias non é máis que "unha cortina de fume" que trata de desviar a atención sobre a "consolidación do pelotazo urbanístico que supoñen as obras de Salgueirón".


Ligazóns

3,88/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: