O elixido presidente do Consello Económico Social portugués defende os trazos comúns e aposta polo traballo conxunto fronte á globalización.
Silva Peneda foi elixido recentemente presidenteo do Consello Económico Social
"Galiza e o Norte de Portugal forman claramente un país, partillando características propias". Así o asegurou o novo presidente do Consello Económico Social portugués, José Silva Peneda, ex-ministro de Cavaco Silva e antigo eurodeputado polo PSD. Nunha entrevista no Jornal de Notícias, Silva Peneda propón solucións conxuntas para afrontar "as dificultades dos próximos tempos" no marco da Unión Europea.
Nesta liña, aposta por profundar nos lazos da eurorrexión e destaca as diferenzas que manteñen no eido económico: "hai preto dunha década, o PIB per cápita de Galiza e o Norte de Portugal era idéntico e agora a diferenza é superior ao 40%", subliña. Ao respecto opina que "a grande diferenza entre as dúas rexións ibéricas reside na organización do seu respectivo sistema político".
Silva Peneda insiste no importante papel da Unión Europea como resposta ás negativas consecuencias da globalización e lamenta que a distribución de fondos europeos se faga en función do "criterio das rexións máis pobres". "É unha análise estática", di, "acho que deberiamos introducir unha análise dinámica".