Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NA SEGUNDA VOLTA

Eleccións en Uruguai: unha loita polo electorado de centro

As enquisas apuntan á vitoria de José Mújica, da gobernante coalición de esquerda Frente Amplio, fronte a Luis Alberto Lacalle, do conservador Partido Nacional.

Redacción - 10:00 29/11/2009

Un ex-guerrilleiro que propón "reinventar o capitalismo", para o que di "precisar á burguesía" e un presidente neoliberal que promete manter as políticas sociais do actual goberno esquerdista. Estes son José 'Pepe' Mújica e Luis Alberto Lacalle, os candidatos que disputan este domingo a presidencia de Uruguai. É a segunda volta dos comicios electorais, logo de que ningunha forza política superase o 50% dos votos necesarios para acadar directamente a presidencia do país o pasado 25 de outubro.

A falta de resultados, as sondaxes realizadas polas catro empresas de opinión pública, indican que o 50% dos uruguaios votará polo candidato da coalición de esquerda, o Frente Amplio (FA). Mújica leva unha vantaxe de entre sete e nove puntos porcentuais ao seu rival, o candidato do Partido Nacional (PN), Lacalle. Malia que este último xa recibiu o apoio do terceiro candidato máis votado na primeira volta, o líder do Partido Colorado, Pedro Bordaderry, os analistas políticos prognostican que a corrente de esquerdas será a dominante neste país de 3,3 millóns de habitantes (2,56 millóns están convocados a votar).

Loita polo centro
A moderación foi o camiño escollido por ambos os dous candidatos na campaña electoral. Segundo Daniel Chasquetti, investigador do Instituto de Ciencias Políticas da Universidade de Montevideo, "nin Mújica foi o veterano guerrilleiro dos anos 60, nin Lacalle o político liberal dos 90". Conquistar a un electorado que se autodefine en gran parte como de centro foi unha tarefa difícil para os dous candidatos que inicialmente representaban a dous sectores políticos diametralmente opostos no escenario político uruguaio.

Con todo, analistas políticos como Adolfo Garcé subliñan que Mújica e Lacalle se diferencian polo estilo e pola ascendencia ideolóxica, mais os seus proxectos non están tan lonxe un do outro. "Son diferentes, pero non opostos", di Garcé, "a política uruguaia non está polarizada en termos sociolóxicos: en realidade os programas dos partidos, as propostas non son radicalmente discrepantes".

Propostas a debate
Nun intento de atraer a ese electorado moderado, Mújica comprometeuse a continuar cos programas sociais e coas políticas económicas liberais e nomeou como vicepresidente ao ex-titular de Economía no goberno de Tabaré Vázquez (quen goza dunha popularidade sen precedentes). Asemade, para tratar de disipar as especulacións sobre un xiro á esquerda en política exterior, o candidato declarouse máis afín ao presidente de Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva que ao venezolano Hugo Chávez.

Pola súa parte, Lacalle prometeu diminuír ou eliminar algúns impostos e mellorar a seguridade cidadá, unha das principais debilidades do goberno saínte. Ademais comprometeuse a manter as políticas económicas de mercado.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: