Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NO GOBERNO DENDE 1979

En Guinea Ecuatorial, Obiang aspira a un novo mandato

O actual presidente adiantou que gañaría "con máis do 97% dos votos" nunhas eleccións que xa foron postas en dúbida pola falta de credibilidade dos seus resultados.

Redacción - 13:30 29/11/2009
Obiang é presidente dende 1979, grazas a un golpe de Estado contra o anterior ditador

Obiang é presidente dende 1979, grazas a un golpe de Estado contra o anterior ditador

Case 300 mil cidadáns teñen dereito ao sufraxio nas eleccións que se celebran este domingo en Guinea Ecuatorial, os cuartos comicios presidenciais pluripartidistas na historia do país. O presidente ecuatoguineano, Teodoro Obiang, candidato do Partido Democrático de Guinea Ecuatorial (PDGE), aspira a renovar un terceiro mandato de sete anos, logo de que chegase ao poder cun golpe de estado en 1979.

O resto dos candidatos son Plácido Micó Abogo, por Converxencia Para a Democracia social (CPDS); Buenaventura Monsuy Asumu, da Coalición Socialdemócrata Baboro (PCSD); Achivaldo Biribé, de Unión Popular (UP); e Carmelo Mbá, de Acción Popular (AP).

A riqueza do petróleo
Con todo, os antecedentes deixan pouco espazo para a dúbida sobre os resultados finais. Nas eleccións de 2002, Obiang obtivo a vitoria co 97,1% dos votos e o seu partido arrasou nos comicios de 2004 e 2008, nos que conseguiu o 98% e o 99% dos escanos, respectivamente. A comezos deste mes, o opositor Plácido Micó enviou unha carta ao presidente dos Estados Unidos, Barack Obama, na que advertía de que Obiang leva 30 anos no poder grazas "ao fraude sistemático nas eleccións".

Pola súa parte, o presidente xa adiantou nun mitin que gañaría con "máis do 97% dos votos" e prometeu que en 2020 Guinea Ecuatorial deixará de ser un país subdesenvolvido e que se situará "á altura dos máis avanzados". Non hai que esquecer, que Guinea é o terceiro país produtor de petróleo da África Subsahariana, por detrás de Angola e Nixeria. De feito, varias organizacións nacionais e internacionais acusaron o réxime de manter a pobreza nnha alta porcentaxe da poboación, malia os altos beneficios do petróleo.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: