Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Dende o 1 de decembro

Os blogueiros estadounidenses terán que dicir se cobran por falar de produtos

A lei que regulaba a promoción de artigos mediante testemuños de usuarios aplicarase tamén á internet.

Redacción - 11:45 07/10/2009

O goberno dos Estados Unidos quere rematar coa publicidade encuberta na internet. Por iso, a partir do primeiro de decembro, a Comisión Federal de Comunicacións (FCC) impoñeralles unha multa de 11 mil dólares (case 7.500 euros) aos blogueiros que fagan críticas de produtos sen especificar se teñen relación cos fabricantes ou cos seus publicistas, se os recibiron de balde ou mesmo se o blog está pagado pola compañía.

Aínda que pareza que nos EUA reina o liberalismo absoluto, o certo é que dende 1980 existe unha lei que regula o patrocinio mediante críticas ou testemuños de usuarios. A modificación levada a cabo pola Comisión Federal do Mercado (FTC) incluirá, a partir de agora, as redes sociais e os blogs. Os responsábeis destes contidos dixitais terán que dar conta de se están pagados por anunciantes ou se reciben mostras gratuítas a cambio de comentar as súas excelencias. Porén, aínda non se especificou como deberán informar desas relacións.

A decisión unánime da FTC responde á necesidade de regular o feito de que moitas compañías se aproveitasen da 'impunidade' da internet para empregar técnicas de márketing ilegais en calquera outro medio. Tamén polo feito de se escudaren no anonimato para influír máis no público máis novo, usuario activo da rede. Esas estratexias foron criticadas con insistencia por asociacións de consumidores.

A medida podería supoñer que moitos blogueiros teñan que revisar o seu traballo. Aínda que moitos comezaron a escribir na rede como entretemento, un sector acabou profesionalizándose a cambio de publicidade e agasallos. Tamén será imposíbel vixiar e controlar toda internet, polo que se confía en que os competidores exerzan ese labor policial.

A nova normativa inflúe tamén, e quizais con máis contundencia, nas persoas famosas que mencionan "por casualidade" na televisión ou no Twitter as marcas que empregan ou onde fan as súas compras a cambio de produtos gratis, agasallos ou mesmo viaxes.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: