Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Axitado cambio na consellaría

A un mes de abrir as aulas Educación acumula un feixe de buratos de xestión

Supresión da gratuitidade dos libros, redución de profesorado, eliminación de unidades, recortes á formación dos docentes, freo ao decreto do galego, subvención aos centros que segregan por sexos, eliminación de módulos de FP...

R. N. - 18:00 11/08/2009

O rescate dos concertos ás escolas que segregan o alumnado por razón de sexo é unha das últimas polémicas decisións que sae da Consellaría de Educación. Argumentando a presunta ilegalidade da supresión de axudas decidida durante a anterior lexislatura polo bipartito, o equipo do conselleiro Xesús Vázquez optou por recuperar a inxección económica para estes centros. Subvencións que eran coñecidas coa publicación da renovación de concertos económicos do Goberno cos centros privados e que eran felicitadas pola patronal do ensino privado. A polémica decisión afrontará agora os anunciados recursos que presentarán diversas formacións sindicais.

A anterior liorta aberta pola consellaría na comunidade educativa foi, a finais do mes de xullo, a xurdida a raíz da enquisa ás familias sobre a lingua. Un proceso cheo de ambigüidades e distorsións que, por riba, non estaba chamado a resolver nada en concreto xa que o PPdeG reiterou que independentemente dos datos que de aí saíran tiñan decidida a derrogación do decreto que regula o uso do galego no ensino.

O recorte de cando menos medio milleiro de prazas de profesorado interino, os problemas co reagrupamento de unidades, a eliminación de módulos de FP, a paralización do plan de formación profesional e a eliminación do sistema que garantía libros de texto de balde son outras polémicas abertas en pleno verán. E hai aínda algunhas máis que transcenderon menos pero que causarán tamén grave impacto na calidade do ensino. Tal é o caso dos recortes nos Centros de Formación e Recursos para o profesorado (CFR). Malia que Galiza xa acumula a nivel estatal unha das máis baixas porcentaxes de recursos adicados a estes labores de apoio aos docentes, a escusa da austeridades serviu tamén para que a Xunta metese man deste apartado. Así, e coa xustificación da redución de postos de asesoría da consellaría, na práctica, Educación eliminou prazas nestes centros que funcionan durante o curso como ferramentas de apoio das escolas. A finais de xullo, Vieiros facíase eco da carta asinada por medio cento de profesionais destes CFR.

Os socialistas ven agresións ao ensino público en favor do privado
Esixiremos que os orzamentos en educación en ningún caso rebaixen os logros acadados na pasada lexislatura", advertía este luns o voceiro de Educación do grupo parlamentario do PSdeG, Guillerme Meijón. Recordou Meijón o inédito incremento de investimentos de até un 30% acadado nesta área polo bipartito na convicción do ensino como "elemento vertebrador do país", e agoirou que o executivo liderado polo PPdeG non parece querer camiñar na mesma liña.

Meijón repasou algunhas das polémicas anteriormente mencionadas e sinalou especialmente o que, na súa opinión, é a vontade do actual Goberno de outorgar "prebendas cara ao sector privado". "Son máis que evidentes", acusou, lembrando especialmente o caso da volta dos cartos para os centros segregadores. De paso, avisou da preocupante "axenda oculta" que dixo ver na estratexia do PP, que se traduciría "na posíbel modificación no decreto de admisión de alumando para facilitar aos centros privados a selección dos alumnos". "Todo isto tería que ver coa ampliación dos concertos a etapas que actualmente non están subvencionadas, como por exemplo bacharelato", denunciou.

"O PP ten cartos para a educación, pero só para a privada e sempre a costa das subvencións á publica", laoiuse o deputado socialista."Resulta evidente que cando Feijoo dicía que as políticas de austeridade non afectarían ás políticas educativas estaba a falar do sector privado e concertado e non do sistema educativo público", concluíu.

Educación retruca que co aforrado en libros paliará o déficit de comedores
Na mesma xornada, desde a Consellaría de Educación acusaban o anterior Goberno de deixar un "forte déficit" no servizo de comedores escolares. Con ese argumento, aseguran desde a consellaría que "o aforro de catro millóns de euros" que aseguran que se derivará da supresión do sistema de libros de texto de balde, servirá para "garantir o correcto funcionamentos dos comedores existentes, para preto de 50 mil alumnos".

Deste xeito, expoñen que no próximo curso vaise reforzar o servizo de comedores aumentando en case tres millóns o seu orzamento inicial (de 18 a 21 millóns de euros). "Esta é unha mostra do esforzo na mellora cualitativa deste servizo básico na educación actual", defenden. Prometen ademais seguir adiante co programa de promoción de bos hábitos de alimentación a través do programa "menús saudábeis" , realizado en colaboración co departamento de pediatría da Universidade de Santiago de Compostela.


5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: