Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COMISIÓN DE AGRICULTURA

O BNG pregunta en Europa: vaise estabelecer un prezo para o leite en orixe?

Ana Miranda denuncia que o informe da Comisión constitúe un desprezo aos produtores galegos xa que anuncia unha reestruturación do sector.

Redacción - 18:36 23/07/2009
Ana Miranda rexistrou na Cámara Europea unha iniciativa parlamentaria que trata o tema da crise do sector lácteo

Ana Miranda rexistrou na Cámara Europea unha iniciativa parlamentaria que trata o tema da crise do sector lácteo

Logo de que a Comisión Europea (CE) presentase un informe sobre a situación do mercado lácteo, na que confirmou que non se cuestionará nin o aumento nin a supresión das cotas leiteiras e rexeitou unha fixación de prezos, a portavoz do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, pregunta como se lle dará resposta á crise e protestas do sector gandeiro galego. Dirixe varias preguntas á Comisión para "saber se vai adoptar medidas para estabelecer un prezo de referencia do leite en orixe que garanta rendas dignas aos produtores".

Liberalización do mercado leiteiro
Miranda pregunta tamén se o goberno comunitario vai a revisar os últimos acordos respecto á liberalización do mercado do leite e en que situación van quedar as cotas. Asemade, na súa iniciativa parlamentaria, demanda un mecanismo a nivel europeo que elimine as prácticas de dumping que levan a cabo as grandes distribuidoras e que vulneran as normas de competencia da UE.

Finalmente, a voceira do BNG denuncia que o informe "constitúe un desprezo aos produtores galegos e europeos xa que anuncia unha reestruturación do sector que suporá a destrución de miles de postos de traballo". Na súa iniciativa tamén fala da importancia deste sector en Galiza, "onde están en risco máis de 14 mil explotacións que teñen vocación de permanencia" e que teñen que facer fronte "á baixada de prezos en orixe, á desregulación da produción e do mercado, ó incremento dos custes de produción e ao tremendo impacto das medidas da UE como é a desaparición das cotas no 2015".


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: