O informe que a Comisión Europea presentará este mércores non cuestionará nin o aumento nin a supresión das cotas e rexeitará a fixación de prezos.
Malia que até o mércores a Comisión Europea (CE) non fará público o seu informe en reacción á crise do sector do leite, xa se coñecen algúns dos detalles deste borrador. De pouco serviron as protestas dos gandeiros ante a Eurocámara, nas que reclamaban un recorte das cotas leiteiras de polo menos un 5% para a campaña 2009-10 co fin de lograr que suban os prezos. O executivo comunitario fará público un estudo sobre o sector lácteo, tal e como se comprometera no último cumio de líderes europeos en xuño, e resolverá que a solución a esta crise gandeira ten que vir da man dos gobernos estatais.
Neste sentido, a Unión Europea porá ao dispor dos Estados todos os medios comunitarios dispoñíbeis, mais subliñará que non poden suspender as súas decisións sobre o incremento dos topes leiteiros nin a súa supresión, prevista en 2015. Así, segundo xa transcendeu, a CE suxerirá, por exemplo, que os países concedan unha axuda estatal de 15 mil euros por produtor para paliar a actual conxuntura, mais pretende que esta medida se estenda a todos os sectores agrarios, non só ao lácteo.
Non se reabrirá o debate
Europa insiste así en que volver a incerteza no sector e atrasaría a súa reestruturación, ao contrario do que veñen reclamando moitos gandeiros. A única proposta que fará Bruxelas para aqueles que queiran frear a súa produción é a posibilidade de que a multa por superar a cota se aplique de forma individual, ao gandeiro que se exceda, e non por igual a todos os produtores.
Doutra banda, o informe da CE admitirá que os prezos do leite están por baixo dos rexistrados hai dez anos e que isto non tivo a súa equivalencia do que paga o consumidor e farase eco do malestar dos gandeiros pola caída dos prezos en orixe dende os 40 até os 20 céntimos. Con todo, rexeitará medidas que vulneren a competencia, entre as que sinala a fixación de prezos, os cárteles sectoriais ou o etiquetado de orixe nacional dos lácteos.