Un milleiro de produtores marcharon até a principal praza compostelá para facer presión e acadar un bo acordo para o estabelecemento dun prezo mínimo para o leite.
Mentres agardan que a interprofesional do sector lácteo (Inlac) chegue a un acordo sobre a fixación dun prezo mínimo para o leite, os gandeiros que mantiveron os seus tractores no Mercado de Amio de Santiago decidiron este luns marchar até o centro da cidade. Un milleiro de produtores percorreron a pé a distancia que separa esta base de operacións e a Praza do Obradoiro, co obxectivo de "facer presión" ante a xuntanza que se celebra en Madrid.
Unha diferenza de tres céntimos
Na manifestación participaron todos os sindicatos agrarios e a organización Gandeiros Unidos. Todos estes colectivos demandan un acordo inmediato entre as administracións, os produtores e a distribución, que permita paliar a crise que está a atravesar o sector. Con todo, o principio de acordo pechado a pasada semana falaba de cifrar o prezo mínimo do leite en 31 céntimos, cando os produtores aseguran que esta cotización non sería suficiente ao non cubrir o seu custe e cifran o limiar necesario en 34 céntimos.
No Obradoiro, a responsábel do sector lácteo do Sindicato Labrego Galego (SLG), Lupe Prado, asegurou que os seus afiliados "non asinarán por debaixo do prezo mínimo de 34 céntimos". Así as cousas, dixo que os gandeiros "están esperanzados" con que en Madrid haxa un acordo reforzado que responda a todas as mobilizacións destes días na rúa.
Dende Unións Agrarias (UUAA), Xabier Iglesias, dixo estar "confiado" de que se poida chegar a un acordo, mais cre necesario "que todos os asistentes á reunión acepten por escrito o principio de acordo do pasado mércores", así como que se cree unha comisión de seguimento para "velar polo seu cumprimento".
Na mesma liña se manifestou o secretario de Organización de Xóvenes Agricultores (XXAA), Tomás Díaz, quen deu por seguro que a xuntanza dará os seus froitos, xa que o acordo "non é unha posibilidade, senón unha necesidade".
Finalmente, o voceiro de Gandeiros Unidos, Andrés Allariz, reclamou "que cheguen as axudas e que se poña un prezo mínimo canto antes", ao tempo que condicionou a marcha dos tractores de Santiago de Compostela a un acordo inmediato.