Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Mentres, Mousavi chama á mobilización “contida”

O Consello de Gardiáns da Revolución recoñece a existencia de tres millóns de votos pantasma

En 50 cidades emitíronse votos por persoas que non estaban censadas. Esta cifra podería ter mudado os resultados dos comicios que lle deron a vitoria a Ahmadinejad.

Redacción - 09:45 22/06/2009
O presidente reelixido, Mahmoud Ahmadinejad

O presidente reelixido, Mahmoud Ahmadinejad

O Consello de Gardiáns da Revolución do Irán admitiu que os votos emitidos en 50 cidades de todo o país superan o número de habitantes censados con dereito a votar, tal e como sinalaran algúns medios de comunicación e a oposición.

Así o recoñeceu o voceiro do Consello, Abbas Ali kadkhodaei, segundo informou a cadea de televisión estatal Press TV.

De momento, o Consello de Gardiáns non anunciou ningunha medida ao respecto desta irregularidade nos comicios presidencias, aínda cando son máis de tres millóns de votos de máis, unha cifra que podería mudar os resultados electorais. Por outro lado, o voceiro do Consello, o organismo que debe validar o resultado dos comicios, dixo que non era certa a denuncia presentada por un dos candidatos derrotados, Mohsen Rezaei, quen denunciou irregularidades a 170 cidades.

Críticas internacionais á violencia e represión exercida polo goberno de Ahmadinejad
Esta fin de semana chegaban máis críticas contra a violencia infrinxida polo goberno de Ahmadinejad ao pobo iraniano que sae ás rúas pedindo a repetición dos comicios presidenciais do pasado 12 de xuño.

Mentres Mahmoud Ahmadinejad, critica a "intromisión occidental", o presidente dos EUA, Barack Obama, reiterou que as accións do goberno e da policía iraniana contra los manifestantes eran inxustas. Dende o partido Demócrata xa lle pediran máis dunha vez que tomase unha posición máis firme sobre a crise política que vive Irán dende os comicios.

Por outro lado, os opositores do goberno continúan ocupando as rúas de Teherán e dalgunhas outras cidades do país, e Mousavi, o principal líder opositor, pediulles "contención", ao tempo que volveu defender o dereito de saír ás rúas contra os resultados electorais, que segue a considerar unha fraude.

É o noveno día consecutivo de protestas nas rúas, que deixaron por volta dunha decena de falecidos. Porén, do que acontece en Irán pouco ou nada se sabe, dado o control mediático que desenvolve o goberno. Os medios internacionais apenas teñen acceso ás informacións, e a única vía algo fiábel é a rede, a través do Twitter. Por outro lado, esta fin de semana o goberno de Ahmadinejad decidiu enviarlle unha orde de expulsión ao correspondente da BBC, Jon Leyne. Porén, dende Londres aseguraron que a delegación británica no Irán hase manter aberta.

A noticia noutros medios de comunicación:


4/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: