O líder opositor reiterou a súa exixencia de que se repitan os comicios, e organizou un día de respecto para as oito persoas falecidas.
Un grupo de mulleres apoiando a Mousavi
Mir Hossein Mousavi, o candidato reformista derrotado nos comicios presidenciais da pasada semana, fixo un chamamento á poboación para que ocupen as mesquitas, demandando un novo reconto dos votos emitidos e para facerlle unha homenaxe ás oito persoas falecidas na revolta popular. Centos de milleiros dos seus seguidores participaron esta cuarta feira nunha concentración silenciosa, por terceiro día consecutivo, nunha céntrica praza de Teherán.
Posíbel fraude electoral
O diario dixital persa Ayandeh explica na súa primeira capa que a cifra de votantes superaba o 95% do censo electoral, unha marca difícil de crer.
Nesta publicación ademais de sinalar que esta porcentaxe é "imposíbel, porque sempre hai, tirando polo baixo, unha cifra inevitábel de abstención técnica non voluntaria -mortes recentes, xente de viaxe, persoas doentes-, que acostuma superar o 5% do censo electoral. Porén, hai máis irregularidades, como a constatada polo ex ministro do Interior, Ali Akbar Mohtashamipour, quen asegurou que de 70 cidades de todo o país chegaron máis votos que habitantes teñen.
O resto dos candidatos opositores nas eleccións insisten en pedir que se investiguen as presuntas irregularidades detectadas nestes comicios, porén, o Consello de Gardiáns da Revolución xa asegurou que non van facer un reconto de votos. Nesta liña, a oposición demandou que se estabeleza unha "comisión da verdade" para investigar o acontecido nos comicios.
Control na rede e na rúa
A garda revolucionaria de Irán tamén advertiu, por outro lado, que ha tomar medidas legais contra as webs que inciten a manifestarse polos resultados das eleccións. Nun comunicado difundido pola axencia IRNA, a garda revolucionaria acusa a varias empresas e axencias norteamericanas de "financiar e apoiar tecnicamente" estas webs. De feito, o goberno de Ahmadinejad xa reduciu á metade o largo de banda, e anulou as acreditacións dos enviados especiais dos medios de comunicación internacionais, e prohibiulles aos correspondentes en Teherán seguir as manifestacións da oposición.
Porén, internet segue a ser a ferramenta que máis empregan os detractores do réxime de Ahmadinejad, intercambiando información (fotografías, vídeos, blogs).