Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Greenpeace

Medio cento de barcos únense a 'Rainbow Warrior' en Cangas para protestar contra o porto deportivo

As embarcacións de baixura fixeron soar as súas buguinas para evitar que se constrúan as instalacións en Cabo Balea.

Redacción - 20:00 28/05/2009

O barco oficial de Greenpeace, o Rainbow Warrior, chegou ao concello de Cangas este xoves para participar nunha acción de protesta contra a construción dun porto deportivo no Cabo Balea. Na acción estivo acompañado por medio cento de barcos de baixura que apoiaron a acción ecoloxista facendo soar as súas buguinas.

Greenpeace afirma que a construción está asociada cunha grande operación especulativa coa terra e que prexudicará un banco pesqueiro e marisqueiro do que viven unhas 500 persoas de xeito directo, que non se compensarán coa construción dunhas instalacións deportivas privadas.

Así, o sector de baixura amosou visibelmente o seu apoio á reivindicación. Entre as embarcacións que se sumaron á acción atopábase a do concelleiro de Urbanismo de Cangas, Mariano Abalo, segundo confirmou Tiago Pérez, voceiro do Foro Social de Cangas. As pancartas e faixas presentes na concentración apuntaban a Caixanova como culpábel da desfeita natural.

O colectivo ecoloxista leva anos denunciando que a construción se está a facer nun espazo natural protexido, o da Costa da Vela, en solo clasificado rústico de protección de espazos naturais, polo que é ilegal realizar edificacións nel.

Portos de Galicia ten previsto aumentar o número de amarres de embarcacións de recreo dos actuais 11.658 a 31 mil, o que segundo Greenpeace son unhas cifras irreais, dada a diminución nas matriculacións deste tipo de embarcacións nos últimos anos.

Greenpeace considera que apostar polo "modelo económico suicida do Mediterráneo", con clubs náuticos e urbanizacións está "completamente probado como gran fracaso ambiental, económico e social".


4,85/5 (26 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: