Greenpeace puxo en marcha unha campaña en internet para esixir ao ministerio de Fomento a inmediata liberación do Rainbow Warrior, retido no porto de Valencia desde 13 de xuño. A organización ecoloxista pídelle aos internautas que envíen correos electrónicos á páxina de Fomento para que o buque insignia poida seguir realizando o seu traballo de defensa do medio ambiente. Greenpeace asegura que os ciberactivistas xa conseguiron bloquear en varias ocasións o servidor do ministerio. O Rainbow Warrior foi detido despois de protagonizar unha acción de protesta contra a importación de madeira tropical africana a través de portos do estado español. O departamento de Álvarez Cascos impúxolle a Greenpeace unha fianza de 300.000 euros para liberar o barco, unha cantidade que os ecoloxistas consideran abusiva, innecesaria e ilegal. Aquí está o borrador da mensaxe que poden enviar ao ministerio.
.