Os xogos só se poderán conseguir mediante descarga conectándose de balde a unha rede móbil 3G.
Esta semana sairá á venda no Brasil a consola Zeebo, pensada para os países emerxentes. A diferenza doutros aparatos semellantes, Zeebo non usa nin cartuchos nin discos, senón que os seus xogos báixanse dunha rede sen fíos.
Fabricada pola compañía brasileira TecToy, conectarase automaticamente e de balde á rede 3G de Claro, grazas a un acordo coa operadora móbil. Esta estratexia serve, ao tempo, para combater a pirataría, máis habitual nos países emerxentes.
A consola custará o equivalente a 175 euros e traerá tres xogos: FIFA 2009, Need For Speed Carbon e Treino Cerebral, os tres en portugués. Outros xogos, como a saga Quake, poderanse descargar de balde. O resto poderanse mercar mediante Z-Credits, canxeábeis mediante cartón de crédito ou cartón prepago.