O Consello da Xunta desta quinta feira trouxo o nomeamento doutro golpe de altos cargos do novo Goberno. Dos que permanecen sen designar do organigrama deseñado polo PP, un deles é a propia Secretaría Xeral de Política Lingüística. Recordámoslles que este departamento, liderado na anterior lexislatura por Marisol López, dependía co bipartito do propio presidente da Xunta, un modelo elixido baixo a vontade de traballo "transversal" que nesta área prometera no seu momento a coalición de socialistas e nacionalistas. Desta volta, Política Lingüística volve a integrarse, como en etapas anteriores, na Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.
No cerello de declaracións expostas nas últimas semanas polos líderes do PP en materia lingüística, o presidente da Xunta achegou este xoves a recomendación aos deputados do seu partido de mellorar o galego no caso de que o precisen malia convidalos a usar nas súas intervencións públicas galego ou castelán. "Propoño que usen calquera lingua, pero sería bo e moi razoábel que perfeccionasen o galego se é que hai algunha dificultade puntual", comentou.
Por outro lado, Alberto Núñez Feijoo afirmou que no seu momento consultará co conxunto das forzas políticas e asociacións o borrador do novo decreto sobre o galego no ensino que elaborará a Consellaría de Educación. Malia a derrogación do actual, considerado pola comunidade educativa un significativo avance, asegurou que o seu goberno vai "protexer e fomentar o uso do galego, dentro da liberdade lingüística". "Pido respecto polos que queremos falar galego e os que queren falar castelán", dixo, insistindo en que o idioma "debe ser sinal de respecto e tolerancia".