Segundo informou a ministra de Sanidade, trátase dun mozo da cidade castelá-manchega de Almansa que volveu dunha viaxe a México.
A ministra de Sanidade, Trinidad Jiménez, confirmou que xa hai un caso de gripe porcina no Estado Español. O afectado que deu positivo é un mozo de 23 anos que se atopa illado no Hospital Xeral de Almansa, na provincia de Albacete. O rapaz volveu o 22 de abril de México, onde estivera de viaxe de estudos.
Despois da detección de dous posíbeis casos en Salamanca e en Murcia, son xa 24 as persoas sospeitosas de estar afectadas pola gripe porcina e unha confirmada. Polo momento, non se detectou a presenza da doenza en Galiza.
Sanidade pediu "tranquilidade" e lembrou que o goberno español dispón de 10 millóns de antivirais Tamiflu, que se adquiriran para loitar contra unha hipotética pandemia de gripe aviaria. Polo de agora, Jiménez cualificou a situación de "pandemia", pois aínda se descoñece a gravidade do virus e a súa velocidade de propagación. Tamén se estuda por que lles afecta máis a persoas novas e sas.
A ministra tamén asegurou que o virus non lle afecta a ningunha explotación gandeira, nin no Estado Español nin en México e que "non hai ningún problema" en consumir carne de porco.