Santiso Miramontes regresa á Alcaldía de Abegondo grazas ao voto dun tránsfuga do PSdG. Atrás quedan catro anos e medio de guerra soterrada na dereita local.
A vida política pode ser elíptica, polo menos isto é o que debeu pensar este luns José Antonio Santiso Miramontes. O último conselleiro de Agricultura de Manuel Fraga volveu á Alcaldía de Abegondo, á mesma que deixara catro anos e medio antes, grazas a unha moción de censura.
O protagonista do día coñecía a case todos os amigos, inmigos e indiferentes que ateigaban o minúsculo salón de plenos. A presión humana era tal que as fiestras abertas non daban anovado o calmuzo na casa consistorial. Redactores, fotógrafos e cámaras, pelexando corpo a corpo cos veciños á busca dun sitio. Seguro que o ex conselleiro soñou unha volta menos convulsa ao seu municipio. Mais, tamén é certo que a situación non era novidosa para el. Santiso, que comezou a súa andaina na política local hai 18 anos, xa tiña experimentado en carne propia o que é gañar e perder unha moción de censura.
Quizais por todo o anterior, a moción de censura de Abegondo viviuse con relativa tranquilidade. As tres patrullas da Garda Civil que se deixaron ver pola capital do municipio non se achegaron até o consistorio até que xa estaba rematada a sesión plenaria. Mentres tanto, a expectación era máxima. Os bares atendían a ducias de veciños que agardaban discretamente o desenlace da moción de censura combatendo a calor do mediodía a golpe de cañas ou ribeiros.
O promotor da moción foi o primeiro en tomar a palabra. Santiso lembrou que o PPdeG fora a forza máis votada en 2007 ao obter seis concelleiros (a Agrupación Progresista de Abegondo tivo 4, o BNG 2 e o PSdeG 1) e que tiña todo o dereito a buscar apoios para arrebatarlle o bastón de mando ao até agora rexedor, Juan José Rocha (Agrupación Progresista). O ex titular de Agricultura fixo un canto á liberdade municipal e criticou os pactos nacionais entre socialistas e nacionalistas: “Por que non hai liberdade para pactar PP e PSOE a nivel local? Xa está ben que os partidos queiran impoñer dende arriba, é preciso que se respecten as decisións que se tomen nos concellos”.
Comodidade e transfuguismo
O socialista Manuel Eladio Fernández, aguantou estoicamente algúns berros que lembraban a súa condición de “tránsfuga” e que incluso o chegaron a acusar de “corrupto”. Sentado á esquerda de Santiso, o até hai pouco membro do tripartito de Abegondo, apenas foi quen de explicar as razóns do seu apoio ao PPdeG. Na súa efímera intervención só quen foi de dicir que non se atopaba “cómodo”. Na súa cara reflectíase o nerviosismo e, seguramente, a presión das últimas semanas. O episodio máis controvertido foi a aparición dunhas pintadas nun seu coche de alta gama. Alguén se encargou de tatuar na pel metalizada do seu Mercedes CLK os adxectivos de “ladrón” e “corrupto”.
Mais o acontecido é, por riba de todo, a crónica dunha guerra no centrodereita local. O rexedor saínte, Juan José Rocha, entrou canda Santiso Miramontes na vida política e, até que o PPdeG decidiu confiar outra vez no ex conselleiro, foi a cara visíbel dos conservadores no municipio. Logo, as súas irreconciliábeis diferenzas con Santiso fixeron que buscase un pacto a tres bandas co BNG e co PSdeG.
O si do concelleiro socialista (o mesmo que asinara nun documento privado a súa lealdade ao tripartito) devolveulle o poder a Santiso. Na banda dos partidarios comezaron as apertas e os brúos de alegría. Unha moza loira dá un chimpo e abrázase a un concelleiro conservador. Aínda que apenas hai dous anos que o PPdeG está apartado do goberno local, unha señora de mediana idade non pode evitar un berro que sae do máis fondo:“Por fin!” Nos bares coméntase a xogada e a alegría vai por barrios. “Ponnos catro viños”, brada un paisano dende unha mesa da terraza. Os xornalistas foxen cara as súas empresas. En Abegondo, rematou a noticia.