O Tribunal estadounidense non admitiu un recurso presentado polo acusado e ex membro dos Panteras Negras. A pena de morte fora conmutada en 2001.
O Tribunal Supremo de Xustiza dos EUA rexeitou, esta segunda feira, a apelación do xornalista e ex membro dos Panteras Negras, Mumia Abu-Jamal, quen foi condenado a morte en 1981, acusado de ter matado un axente de policía.
Os avogados de Abu-Jamal alegaran que a Fiscalía excluíra, indebidamente, a cidadáns negros do xurado que condenou o activista á pena capital, hai 28 anos, por, supostamente, ter matado o axente de policía Daniel Faulker, en Filadelfia (Pensilvania).
Naquela altura o xurado condenárao a morte, mais o xornalista recorreu a sentenza. Un xuíz pediu que se repetise a vista oral do xuízo, porque atopara irregularidades, mais o fiscal recorreu este ditame en 2001, e a sentenza inicial foi revisada e conmutada pola de cadea perpetua, un feito que desencadeou protestas entre os activistas polos Dereitos Humanos, contra o racismo e contra a pena capital, para os que Mumia se tiña convertido nun símbolo.
Abu-Jamal, que este mes cumpre 55 anos -máis da metade pasounos en prisión-, é unha figura máis coñecida alén das fronteiras dos EUA, e ten publicado varios libros no cárcere, nos que critica o sistema de xustiza estadounidense.