A corte de apelacións revisará o caso da condena a morte ao xornalista Mumia Abu Jamal, membro das Panteras Negras que foi encarcerado hai 23 anos e condenado polo asasinato dun policía. A partir do 17 de xaneiro a corte aceptará argumentos cos que se tentará probar que a sentenza foi froito da discriminación racial. A noticia deuse a coñecer pouco antes da execución do tamén afroamericano Stanley "Tookie" Williams, un asasino rehabilitado que foi varias veces proposto para o premio Nobel da Paz e a quen o gobernador californiano lle denegou o perdón no último momento. Williams recibiu a inxección letal este mesmo martes pola mañá no cárcere de San Quintín, ás portas do que se concentraron centos de activistas contra a pena de morte, entre eles Jesse Jackson ou Joan Báez.