Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pasamento

Raúl Alfonsín, o 'presidente galego'

Falamos con Fernando González Laxe, ex presidente da Xunta; Xosé Crespo, alcalde de Lalín; e Lois Pérez Leira, sindicalista galego-arxentino da CIG.

F. A. - 14:55 01/04/2009

O ex presidente da Arxentina Raúl Alfonsín finaba na madrugada da terza á cuarta feira en Bos Aires aos 82 anos de idade. Carismático líder do Partido Radical, gañou as eleccións presidenciais de 1983 cunha mensaxe de esperanza democrática que callou nos arxentinos logo de sete anos de cruenta ditadura militar, cunha economía á deriva e a derrota nas Malvinas de por medio.

O seu liderado viuse constantemente erosionado durante os seus seis anos de Goberno debido ao axuste económico que tivo que implementar, que non serviu para superar a hiperinflación e a recesión e levou o sindicalismo peronista a o presionar fortemente.

Afrontou tamén, malia impulsar a Lei de Punto Final, varias tentativas golpistas por parte de sectores que non aceptaban os procesos por violacións dos dereitos humanos na ditadura. En política exterior, amparou a creación do eixo de integración Arxentina-Brasil-Uruguai, que deu orixe ao Mercosur.


Falamos con tres persoas que coincidiron con el, ben na Arxentina ben na Galiza nalgunha das súas abundantes visitas á nosa terra, da que era oriúndo e pola que sentía especial devoción: Fernando González Laxe, ex presidente do Goberno; Xosé Crespo, alcalde de Lalín; e Lois Pérez Leira, sindicalista galego-arxentino da CIG.

González Laxe: "Sentíase identificado cunha Galiza que progresaba"

"Alfonsín era unha persoa moi comprometida, coa que tiven a ocasión de coincidir; especialmente comprometido con escoitar suxestións, queixas, ... E comprometido coa xente. Nunha visita ao Centro Galego, recordo que dixera: Fale vostede primeiro. Teño que dar unha mensaxe importante a nación e quero que a xente estea ben atenta".

"Arxentina é un país moi difícil de xestionar, e dentro dos períodos de crecemento e desaceleración, a el tocáronlle momentos difíciles. Pero podía ir coa cabeza ben alta por todo o país porque era moi respectado por todos. Sentíase identificado cunha Galiza que progresaba, e coa posición firme que mantiña en defensa de determinados dereitos. De feito, usaba en Arxentina as mensaxes de cambio e progreso que oía en España".

Crespo: "A súa figura é moi querida pola colectividade galega"

"En Lalín lamentamos profundamente a súa morte. A súa figura é moi querida e respectada pola colectividade galega. Era unha persoa singular que na época dos militares se reunía no Centro Lalín en Bos Aires, e sempre apoiou a asociación".

"Xa como presidente da Arxentina, visitou Lalín en 1984; recordo particularmente ese día con moito agarimo. No transcurso desa visita descubríuselle un monolito e unha placa na Praza do Aviador Loriga. Ao longo destes 20 anos visitou Lalín un par de veces; a última vez veu co seu fillo e co seu neto. Logo, en 1998, o Concello de Lalín irmandouse coa Municipalidade de Chascomús, a súa terra natal".

Pérez Leira: "Facía referencia constante á súa condición de galego"

"Tiven ocasión de coincidir con el en varias ocasións, aínda sen chegar a coñecelo persoalmente, a primeira vez en Bos Aires cunha delegación que enviara o BNG, con Xosé Manuel Beiras e Camilo Nogueira, e despois tamén cando estivera aquí por Pontevedra. Foi un expoñente da esquerda. Da Unión Cívico Radical, que fundou Leandro Nicéforo Alem, outro descendente de galegos. O radicalismo representaba as clases medias. Alfonsín era, digamos, socialdemócrata, membro da Internacional, moi influenciado nas súas políticas pola transición española e por Felipe González".

"Alfonsín é ante todo unha persoa honesta, que tivo o valor de ser presidente despois da ditadura. Unha das figuras máis importantes da Arxentina, que facía referencia constante á súa condición de galego e que tivo unha política democrática e progresista. Porén, ten unha parte negra. Cedeu ás presións da ultradereita e deixou de lado os traballadores, e durante a etapa de Menem chegou a pactos controvertidos. Promulgou a Lei de Punto Final, así que por unha banda procesou os militares e pola outra indultounos".


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: