Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Rexistro mundial de barcos

A FAO deseña un censo de buques para o control da pesca ilegal

Os furados burocráticos fan perder a pista das embarcacións logo de sucesivos cambios de nome e bandeira.

Redacción - 12:45 18/03/2009
Eros II” (antes Furabolos) / Imaxe: Oceana

Eros II” (antes Furabolos) / Imaxe: Oceana

"Este rexistro global pode ser unha das solucións para o problema", explicou esta semana Carlos Alderaguía, secretario xeral do Consello Consultivo Rexional da Flota Comunitaria de Longa Distancia. A Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), apadriña así a través do seu comité pesqueiro a creación dunha base de datos internacional que sirva para vixiar os sucesivos cambios de nome e bandeira que en pequenos períodos de tempo chegan a acumular algúns barcos de xeito que na actualidade as administracións acaban perdéndolles a pista.

Segundo se puxo de manifesto na xuntanza dos grupos de traballo para a reforma da Política Común Pesqueira, iniciativas como esta serán fundamentais na loita en favor dunha pesca "responsábel e sustentábel". O obxectivo concreto é ter un rexistro totalmente actualizado e accesíbel moi axilmente para poder actuar con rapidez contra as embarcacións que infrinxen a lexislación, especialmente contra aquelas que o fan de xeito reiterado.


Denuncia de Oceana e Greenpeace contra unha armadora de Ribeira

En datas recentes, a organización Oceana informaba de que un dos barcos de pesca pirata máis buscados ten base en Galiza e pedíalle ao goberno español accións contra as actividades presuntamente ilegais do buque Furabolos, que agora baixo o nome Eros II e con bandeira panameña permanecería atracado no porto coruñés de Ribeira.

Sobre o mesmo asunto, o colectivo ecoloxista Greenpeace presentou na Fiscalía probas das supostas actividades pesqueiras ilegais dunha empresa armadora con sede neste porto, demandando unha investigación xudicial completa. A queixa dos ambientalistas inclúe neste caso non só as presuntas actividades ilícitas da empresa senón a asignación á compañía dun total de 3,6 millóns de euros de fondos públicos. Greenpeace acusou o goberno español de "ocultar información" sobre a actividade, axudas e sancións vencelladas a esta empresa, denuncia rexeitada polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: