Con todo, o líder do PPdeG afirmou que non lle "tremerá a man" se logo do informe xurídico a realizar lle propoñen reiniciar todo o proceso.
Alberto Núñez Feijoo durante a noite electoral do 1M
A solicitude dun informe á asesoría xurídica da Xunta ao respecto do proceso eólico realizado cara ao final da última lexislatura será unha das prioridades do vindeiro presidente do Goberno, Alberto Núñez Feijoo. En declaracións á radio pública española, RNE, Núñez Feijoo explicou este martes que non lle "tremerá a man" se do que en principio será unha "revisión" das propostas presentadas e elixidas polo anterior executivo conclúe a necesidade de reabrir o proceso.
Nese sentido, Feijoo mesmo falou da posibilidade de marcar unha nova data para a presentación de ofertas na súa totalidade para o reparto das adxudicacións eólicas. Insinuou Feijoo da posibilidade da existencia de proxectores "mellores" que non fosen seleccionados con anterioridade e fosen elixidos "en prexuízo doutros menos bos". Deste xeito, o líder do PP en Galiza subliñou que non descarta "volver a iniciar o concurso". Ao fío, aproveitou para cualificar o acontecido con este tema como un exemplo de "bicefalia" no goberno saínte, acusando a socialistas e nacionalistas de perder a confianza da cidadanía "denunciando a metade do Goberno á outra metade".