O Consello de Estado "libera" dos seus cargos dous dos principais ministros e 'delfíns' de Fidel, Felipe Pérez Roque e Carlos Lage.
Lage e Pérez Roque
"Co obxectivo de reducir gradualmente a súa envergadura e elevar a súa eficacia", o Consello de Estado cubano "liberou" dos seus cargos dous dos ministros máis coñecidos, o de Exteriores, Felipe Pérez Roque, e o vicepresidente, Carlos Lage Dávila, entre outros membros do Executivo, así como fusionou varios departamentos.
A decisión tomouse este luns por sorpresa, aínda que tanto os movementos de cadros como as reestruturacións na Administración xa foran anunciados na toma de poder do presidente Raúl Castro. A información coñeceuse a través dun comunicado do Consello de Estado, difundido polos medios locais.
O 24 de febreiro de 2008, Raúl Castro afirmaba que "a institucionalidade é un dos alicerces da invulnerabilidade da Revolución no terreo político, polo que debemos traballar no seu constante perfeccionamento". "Non nos crer nunca que o que fixemos é perfecto. Cómpre continuar a estudar a actual estrutura do Goberno co obxectivo de reducir gradualmente a súa envergadura e elevar a súa eficacia".
Tanto Pérez Roque e Lage estaban considerados como 'presidenciábeis'. O primeiro traballou durante máis de dez anos ao carón de Fidel Castro e estaba considerado o número tres logo del e de Raúl; substitúeo o segundo no cargo, Bruno Rodríguez.
O vicepresidente Lage salientou polas reformas económicas dos anos 90 logo do desmantelamento do campo soviético, a época máis dura dende o triunfo da Revolución. Ocupa as súas funcións -que non o seu cargo- o xeneral José Amado Ricardo Guerra, home de confianza de Raul.
Relacións cos EUA
Esta crise de goberno interprétase como unha mensaxe cara á Administración Obama. Desaparecen do gabinete dous dos principais asesores do goberno de Fidel nos últimos anos, así como outros altos funcionarios 'fidelistas', mentres que se suavizan as relacións entre países, e mesmo podería haber unha suspensión parcial do bloqueo que EUA exerce dende hai medio século sobre Cuba.
Grupos contrarrevolucionarios de Miami (EUA) consideraron que os cambios supoñen a caída do "último talibán fidelista", e que esta nova etapa significa a "continuidade da ditadura castrista mais con sabor a Raúl".