"Galiza necesita un novo Estatuto que sexa caixa de ferramentas para construír benestar e o único disposto a aplicalo é o BNG", defende Anxo Quintana.
"Un novo Estatuto e un goberno disposto a aplicalo" son as dúas cousas que Galiza precisa de xeito prioritario para a próxima lexislatura, segundo explicou este domingo en Cangas o líder do Bloque, "e o único disposto a aplicalo é o BNG", concluíu. "Temos que esixir tendo na man o noso estatuto: unha caixa de ferramentas para construír benestar", expuxo Quintana.
O voceiro nacional do BNG remontouse a unha visita ao Morrazo hai máis de trinta anos, e o seu encontro coa memoria do que fora aquel ano un "terríbel naufraxio". "Mozos e mozas coma min que traballaban no país construían daquela o que lle faltaba a Galiza para ser nación de verdade, unha forza política propia”, recordou. Segundo a reflexión de Quintana, a mocidade da comarca expresaba daquela os valores de "respecto, proximidade e compromiso insubornábel para defender a conquista de melloras laborais" que no fondo son expresión, segundo opina o líder nacionalista, do carácter do BNG. "Así somos nós e así se construíu esta forza política", asegurou. "Nacemos dende a terra, somos a forza política do pobo e ese é o noso gran orgullo e a nosa gran satisfacción", dixo.
"Nós guiámonos pola máxima do poeta: mirade a lingua que falo, desprezada por ser lingua de pobres, lingua escrava, só neles hai verdade e máis honores", expresou ao tempo que cualificaba os líderes do PP de ser eles os auténticos “señoritos”, en alusión a unhas recentes críticas de Rajoy cara a súa próxima persoa.