Lieberman confirmou o seu apoio a Netanyahu para primeiro ministro. Por outra banda, o Congreso Xudeu Europeo ligou o "medre do antisemitismo" coa crise.
Netanyahu e Lieberman, en 2004
O líder de Yisrael Beiteinu, o abertamente xenófobo Avigdor Lieberman, confirmou esta quinta feira que apoiará o Benjamin Netanyahu, do dereitista Likud, para o cargo de primeiro ministro, tal e como se prevía. No entanto, condicionou o seu amparo a que se conforme unha coalición de goberno ampla, informan os medios locais.
"Hai tres posibilidades dende o noso punto de vista: un goberno amplo (con máis formacións), que é o que queremos. Un máis pechado, que será un goberno de parálise, aínda que non descartamos sentármosnos nel. E a terceira opción sería ir ás eleccións que non serviría para nada", confesoulle Lieberman ao presidente Shimon Peres na rolda de contactos que este último está a manter con todas as formacións e que rematará esta quinta á noite.
Ademais, os partidos de extrema dereita Jewish Home e Shas tamén recomendarán o Netanyahu, mentres que os máis orientados á esquerda, o socialdemócrata Partido Laborista de Ehud Barak e o Meretz, informaron de que non se decantarán por ningún candidato.
Crise e antisemitismo no mundo, e rueiro ilustrado en Xerusalén
Por outra banda, Moshe Kantor, presidente do Congreso Xudeu Europeo, sostivo en declaracións ao diario Haaretz que a culpa do "medre do antisemitismo" en todo o continente está "provocado pola crise económica" e "non polo ataque sobre Gaza". Segundo el, nunca se viran estes niveis dende a Segunda Guerra Mundial que, considera, non están relacionados co conflito en Oriente Próximo.
"Todos estes problemas comezaron antes de Gaza e continuaron despois", sinalou o líder do Congreso Xudeu Europeo. "As cuestións económicas provocan as traxedias humanitarias. Os xudeus foron o pandote das dificultades que tivo que afrontar Alemaña na década de 1930", argumentou.