Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito en Palestina

Un ex porteiro de discoteca anti-árabe ten a chave do goberno en Israel

Un soldado israelí e un labrego palestino morreron este martes durante enfrontamentos na fronteira con Gaza.

Fernando Arrizado - 11:30 27/01/2009

Aínda que se prevía que o ataque sobre Gaza beneficiase electoralmente os socios de goberno en Israel -o partido Kadima de Ehud Olmert e de Tzipi Livni, e o laborista de Ehud Barak-, o certo é que as sondaxes de opinión reflicten un resultado ben diferente, informan medios locais.

Segundo enquisas publicadas este luns, a forza de ultradereita Yisrael Beitanu ('O noso Israel') conseguiría 16 representantes nas eleccións lexislativas do 10 de febreiro, que sumados aos 28 previstos para o Likud (dereita) de Benjamin Netanyahu, resultarían nunha coalición aínda máis belixerante cá actual no conflito de Palestina.

O Yisrael Beitanu está liderado por Avigdor Liberman, un inmigrante moldavo chegado en 1978. Este ex porteiro de discoteca, anti-árabe declarado, converteríase deste xeito en elemento chave para a formación do novo goberno no Estado de Israel.

En 2003, Liberman afirmou que os prisioneiros palestinos liberados deberían ser levados ao Mar Morto e ser afogados. En 2006, nunha sesión plnaria no Knesset (parlamento) pediu a execución dos deputados que mantiveron reunións con membros do goberno de Hamas. Este tipo de declaracións están a callar na sociedade israelí que considera que o político "fala claro".

Primeiros enfrontamentos dende a tregua

Por outra banda, un soldado israelí e un labrego palestino morreron este martes na fronteira de Gaza, durante novos enfrontamentos, os primeiros dende o cesamento do fogo.

O militar morreu -e outros tres resultaron feridos- cando unha bomba estourou ao paso da patrulla na que ía, informan axencias internacionais. Pouco despois tropas israelís abateron o granxeiro palestino, que ficou atrapado nun intercambio de disparos.


4,09/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: