O senador popular acompañou ao candidato do PPdeG, e ante un milleiro de gandeiros, defendeu unha "Galiza moi galega e moi española".
O senador e presidente fundador do PP, o vilalbés Manuel Fraga, defendeu este domingo que Galiza estea "dentro de España", opoñéndose aos "nacionalismos de partidos como o BNG" porque, segundo sinalou, "neste momento vexo a Galiza con todas as posibilidades de ser moi galega e moi española".
Antes de participar no acto de precampaña do PPdeG en Lalín (Deza) para presentar, ante un milleiro de gandeiros, o programa do seu partido, Fraga cualificou de "desastre" o estado do Goberno na actualidade, e aludiu aos datos económicos presentados esta sexta feira polo ministro español de Economía, Pedro Solbes, para asegurar que España "está na peor situación na que estivo en moito tempo".
En referencia á polémica que xerou a posibilidade de que se desenvolvese un debate televisado entre os dous candidatos, o do PSdeG -Emilio Pérez Touriño-, e do PPdeG, -Alberte Núñez Feijoo-, deixando de lado ao BNG de Anxo Quintana, Fraga dixo non comprender ben cal é o problema porque, na súa opinión, "o xusto sería que se son unha parella de noivos -polo bipartito-, que o faga un só do dous".
Fraga sobre Feijoo: "a serenidade, a formación e a práctica"
Ademais disto, o senador galego apuntou que o candidato popular á Xunta, Feijoo, "ten todas as cualidades e todas as experiencias en Madrid e en Compostela" para gobernar Galiza. Neste sentido, destacou a "seriedade, a formación, a práctica" e a andadura de Feijoo, virtudes que, segundo o senador vilalbés, "diferencian" a este candidato dos mais. Así, amosouse convencido da vitoria de Feijoo nos comicios de marzo porque "é un home extraordinario".